Ledicia Costas e María Vázquez abren a serie 'Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe'

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebra o 173 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851, coa estrea de Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe, unha serie de vídeos de curta duración nos que as voces convidadas len e comentan fragmentos do relato da homenaxeada que elixiron. Ledicia Costas (Vigo, 1979) protagoniza a primeira peza, na que comparte un anaco do relato “Las medias rojas”, unha desgarradora narración, do mellor estilo naturalista de Pardo Bazán, que conta a historia de Ildara, unha moza vítima da violencia sexista. 

 

Ledicia Costas, autora de novelas para o público adulto como Pel de cordeiro (2024) e Golpes de luz (2021) e de títulos para o máis novo como o recente Sete dentes de león (2024) e Escarlatina, a cociñeira defunta -Premio Nacional de Literatura Infantil 2015 do Ministerio de Cultura-, elixiu este conto porque nel o dominio da técnica por parte da autora é «radical». E tamén -salienta- pola sorpresa que lle causa  que en 1914 «Sorpréndeme e catívame que Emilia estivese tratando temas que moitas autoras contemporáneas tamén tratamos a día de hoxe nas nosas obras: a omnipotencia do patriarcado, a violencia machista, o feito de que o tío Clodio trata a Ildara coma se fose gando e non un ser humano». «Esta en realidade é para min unha historia de soños frustrados, os soños frustrados dunha nena, que probablemente son os soños frustrados de moitas mozas que, coma ela, querían ser independentes, autónomas, e non tiveron esa posibilidade», afonda.

A actriz María Vázquez (Vigo, 1979), protagonista de Matria e gañadora de varios premios Mestre Mateo á mellor actriz e actriz secundaria por O club da calceta, Mar libre, Trote e Quen a ferro mata, así como Premio Ojo Crítico de Cine por Mataharis, elixiu pola súa banda o relato titulado “Feminista” na edición da recompilación Sud-Exprés y otros cuentos (1909). «Paréceme moi moderno, atrévese a cuestionar o matrimonio e fala do cambio de roles, pode ser un chamamento á revolución. Paréceme moi revelador, inspirador e iluminador», valora.

A serie continuará con Lúa Mosquetera (Miño, 1988), campioa do Poetry Slam galego e finalista do estatal e gañadora do premio ARitmar de Mellor Poesía da Galiza 2021 por “Anorak de pel de caribú”, incluído en Espíderman (2022); e Mario Obrero (Madrid, 2003), Premio de Poesía Joven Félix Grande por Carpintería de armónicos (2018) e Premio Loewe a la Creación Joven por Peachtree City (2021).

Unha mestra da narración breve
Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe pon o foco nun xénero especialmente fecundo no conxunto da súa obra. A escritora coruñesa publicou preto de 700 relatos, de temas e estilos moi variados, parte deles recompilados en dezaoito libros de narracións breves. Un deles é Cuentos escogidos (1891), título que inspira o nome desta serie.

A proposta é unha produción da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán realizada co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.  Na parte musical conta coa colaboración do artista coruñés Kiko Evia,  Gitano de Palo.