Laudamuco señor de ningures (1977)

Portada do libro
Imaxe da portada do libro


Laudamuco, rei vedraño, cego e coxo dun pobo levantado en armas contra a súa tiranía, pasa as derradeiras horas da súa vida na compaña do seu fiel criado Rouco, quen trata de consolalo pola perda inminente do seu reino e da súa vida interpretando as voces das diversas autoridades: Maxistrado, Sumo Pontífice e Mariscal, que abandonaron o rei á súa sorte. A lealdade de Rouco ao seu Rei é tan teimosa, que mesmo obriga a súa muller, Minia, a satisfacer os impulsos lascivos do Laudamuco agonizante.

En palabras do crítico Manuel F. Vieites, "Laudamuco admite lecturas múltiples. Quizais a máis obvia sexa aquela que relaciona o rei Laudamuco co poder exercido de forma ditatorial e tiránica; e mesmo se podería establecer algún paralelismo coa situación política que se vive en España no outono de 1975, cando Francisco Franco agoniza no hospital" (Roberto Vidal Bolaño. Lugo: Tris-Tram, 2002). Máis adiante, este mesmo crítico considera o Laudamuco unha representación en forma de farsa das relacións de poder, e sitúa a obra de Vidal Bolaño na liña de Ubu Rei, de Alfred Jarry; Le roi se meurt de Ionesco; O Cabodano, de Rodríguez Ruibal e o Caligula de Camus. Para o profesor Xosé Manuel Fernández Castro, no seu libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, (Laiovento, 2011),o Laudamuco establece tamén un diálogo coa obra de Manuel María A farsa de Bululú e A sonada e proveitos enchenta do marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida, de Euloxio Rodríguez Ruibal, se ben para este crítico trátase máis ben dun caso de polixénese que de influencia directa.

Laudamuco señor de ningures, merecedor do Premio Abrente ao mellor texto en 1976, foi levado ás táboas en Ribadavia ao ano seguinte, no contexto da V Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, polo grupo Tralla de Vigo. Xa en 1978, na VI Mostra, Laudamuco foi representado novamente na capital do Ribeiro pola compañía Antroido dirixida polo propio Vidal Bolaño, unha montaxe que mereceu o recoñecemento do crítico vasco Pedro Barea, quen a cualificou, nas páxinas de Deia, de "excelente" e "ejemplo de simbiosis autor-equipo" (López Silva e Vilavedra, 2002).

Nunha extensa entrevista concedida a A Nosa Terra en xullo dese mesmo ano de 1978, cando este semanario era dirixido pola académica numeraria Margarita Ledo Andión, Roberto Vidal Bolaño, que acababa de ser despedido do banco no que traballaba, era definido como "un dos claros representantes do novo teatro galego". Nesta entrevista, que se pode descargar aquí, Vidal Bolaño describe a relación que debían ter naquela altura o teatro e a política: "superada unha etapa de resistencia (o teatro galego) intenta encetar unha etapa de afirmación do movemento teatral como algo inserto no movemento global de reivindicación dos traballadores galegos". Tamén fai unha reivindicación da conxunción autor-director-actor, un feito diferencial do teatro galego daquel tempo (o mesmo sucedía con Manuel Lourenzo, Agrelo Hermo e Xulio González), en que os textos representados eran con frecuencia escritos por un membro da compañía. Así mesmo, Vidal Bolaño reivindica a necesidade dunha profesionalización do sector como vía para acadar un aumento na calidade do produto final, a procura do vencello coa tradición popular a través de figuras como a da Santa Compaña, ou o Meco, e considera sentenciado o debate lingüístico no teatro: "Non hai ningún grupo en Galicia que hoxendía monte unha obra en español".

O exemplar do que dispón a Real Academia Galega, por doazón de Carlos Ramos Aguirre, foi editado en Santiago de Compostela pola editorial Pico Sacro en 1977, e inclúe, ademais do Laudamuco, a obra Ledainas pola morte do Meco, unha obra que conta cunha fermosa dedicatoria a Luz Pichel.