Emilia Pardo Bazán foi unha intelectual apaixonada polo público, un mundo no seu tempo dominado polos homes. Con todo, acadou un importante protagonismo nos debates sobre a busca da modernidade de España, a súa rexeneración ou o papel das elites. Isabel Burdiel disecciona nesta biografía a complexa evolución do pensamento da escritora, elitista, profundamente nacionalista española pero tamén cosmopolita e defensora da europeización, e faino sorteando as dificultades que entraña a interpretación dos moitos paradoxos dunha personalidade chea de matices.
"Para unha historiadora política coma min, interesada nas posibilidades analíticas da biografía e no papel histórico dos mundos imaxinados, analizar esa faceta de Pardo Bazán foi estimulante", salienta Isabel Burdiel. "De feito, abriume o último terzo do século XIX dun xeito que non prevía e modificou así, nalgúns aspectos substanciais, a miña maneira de concibir as grandes liñas de discusión da España da época", confesa.
A Real Academia Galega custodia unha parte importante do legado arquivístico e bibliográfico de Emilia Pardo Bazán, nomeada presidenta honoraria da institución no ano da súa fundación (1905). En virtude do acordo asinado coa súa herdeira, desde 1978 a súa sede está na rúa Tabernas 11 da Coruña, antiga casa da escritora. O primeiro andar acubilla na actualidade a casa-museo dedicada á autora.