Intervención de Manuel Rivas en defensa do Galiñeiro

O escritor e membro de número da Real Academia Galega, Manuel Rivas Barrós, participou o pasado domingo 13 de maio nun acto en defensa da Serra do Galiñeiro.

Manolo Rivas mentre lía o seu manifesto en defensa da serra do Galiñeiro
Manuel Rivas dando lectura ao seu manifesto pola defensa da Serra do Galiñeiro diante dunhas 2000 persoas


No seu discurso, o académico destacou a importancia da conservación do noso patrimonio natural e paisaxístico nun manifesto que aludiu á diversidade e á riqueza da xeografía galega. En palabras do autor:

"A Terra vira, o astro orbita na súa andanza de vida e morte e vida arredor do sol, mais cando algo importante sucede, algo que lle é grato, vai e pousa e acouga. Nun lugar onde se concentra a máis poderosa enerxía da Terra: a da solidariedade, o don de entrelazar soidades para rescatar a esperanza, un lugar ritual, hai que dicilo así, porque aquí maniféstase un compromiso cívico, un xuramento, de solidariedade humana e desta humanidade coa natureza, co seu fogar, co seu ventre matricial."

O evento, que tivo lugar no propio monte do Galiñeiro situado na parroquia de Vincios, no concello de Gondomar, contou tamén coa presenza dos poetas Xosé María Álvarez Cáccamo e Anxo Angueira entre outros, así como coas actuacións musicais de Tino Baz e O Leo.