Pilar Rojo, Alberto Núñez Feijoo, Alonso Montero, Ferreiro Badía, Ramón Villares, Vázquez Abad e Siro López
A exposición está formada por cincuenta e un paneis nos que se rende homenaxe, mediante unha medalla obra de Siro López e Manuel Ferreiro Badía e unha breve biografía, a cada unha das distintas figuras da nosa cultura que foron protagonistas do Día das Letras Galegas desde a súa primeira edición, en 1963, ata o 2013, ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño.
Concibida cun fin divulgativo, a mostra está orientada ao público infantil e á comunidade educativa galega, entre a que se pretende espallar o coñecemento da nosa cultura e elevar a súa valoración da mesma exhibíndoa nun dos lugares maior prestixio do noso país: o Parlamento.
Na súa inauguración, que tivo lugar o pasado 2 de xaneiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, expresou a súa vontade de que "a palabra siga a ser o principal nexo de unión dos galegos". Pola súa parte, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, logo de felicitar á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, por esta iniciativa "que contribúe a aumentar o a dignidade da nosa literatura", concluíu: "Xa que moitas veces a xente non se achega á cultura, é necesario que a cultura se achegue á xente".