Os criterios de selección dos novos contidos incorporados a Monografías do século XIX foron -ademais da súa data de edición, o século XIX- a referencia a Galicia pola autoría, temática ou lugar de edición. Con esta colección, á que nun futuro se engadirán as obras da Biblioteca Virtual, a Real Academia Galega ofrece ao público interesado un dos meirandes fondos dixitais, de acceso libre e gratuíto, sobre un período clave da historia e da cultura galega contemporánea.
Monografías do século XIX axunta no seu índice, alén dos títulos chave dos principais autores e autoras ligados ao noso Rexurdimento literario, como Rosalía, Curros, Pondal, Murguía e Lamas Carvajal, a obra doutras figuras sobranceiras do século XIX galego, como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Nicomedes Pastor Díaz, que interviñeron de xeito decisivo na vida social, literaria, cultural e política do seu tempo.
Este importante incremento dos nosos fondos dixitais complétase co acrecento á Hemeroteca Virtual de dez novos títulos: El Ciudadano por la Constitución, La Defensa, El defensor de Galicia, Diario del gobierno de la Coruña, Estafeta de Santiago, Exacto correo de España en la Coruña, Exacto diario en la Coruña, Gazeta marcial y política de Santiago, El Iris de Galicia e Álbum literario de Galicia.
Coa ampliación dos seus servizos, a páxina dixital da Real Academia Galega dá un salto cualitativo na súa capacidade para atender as demandas da sociedade galega de hoxe.