Inauguración en Madrid da exposición '51 páxinas as nosas letras'

A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte esta exposición itinerante na que se traza unha panorámica sobre a nosa literatura a través das figuras homenaxeadas o Día das Letras Galegas.
Persoas asitentes ao acto
Foto de familia das autoridades presentes no acto


Ao acto asistiron, entre outros, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

A exposición, promovida polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Real Academia Galega, ten como obxectivo divulgar o coñecemento da nosa cultura a través das figuras escollidas como protagonista do Día das Letras Galegas, e consta de 52 medallas cun texto en relevo dedicado a cada un deles.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, salientou na súa intervención a necesidade de exportar a nosa cultura alén das nosas fronteiras, e de situala en espazos de prestixio como a propia Casa de Galicia en Madrid, desde onde poderá resultar accesible ao público xeral. Alonso Montero destacou tamén o valor didáctico desta exposición que achega unha ollada sintética e iluminadora sobre o decorrer da nosa historia literaria ao longo do úlitmo medio século.

Pola súa parte, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, logo de declarar que o fin da exposición é o de "mostrar a nosa gran riqueza cultural", subliñou na súa intervención o feito de os textos das medallas estaren escritos por membros da Academia: "Son os propios membros da Real Academia Galega os que escribiron a introdución á vida e obra dos nosos grandes autores, e isto sen dúbida dálle un gran valor engadido á exposición".

A exposición estará aberta ao público na Casa de Galicia en Madrid ata o vindeiro 30 de maio.