Na sesión de apertura, que tivo lugar no salón de actos na Facultade de Filosofía da USC, participaron Ana I. Boullón, secretaria dos Cursos; Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega e director dos cursos; Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; José Pereira Fariña, vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, e o presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero. Asistiron ademais os académicos de número Rosario Álvarez, Manuel González, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Regueira, así como a maior parte do alumnado.
Henrique Monteagudo explicou brevemente o programa dos cursos e as actividades complementarias previstas das que salientou as visitas programadas á Real Academia Galega, ao Museo do Pobo Galego ou á Fundación Rosalía de Castro. Destacou tamén a importante contribución que desde a primeira edición, no ano 1988, supoñen os Cursos para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo.
O alumnado procedente de distintos puntos de España, Alemaña, Arxentina, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, Hungría, Italia, Marrocos, Reino Unido, Romanía, Rusia, Polonia, Portugal, Suíza desenvolverá durante o curso unha intensa actividade lectiva e cultural que lles fornecerá un coñecemento amplo non só da lingua galega senón tamén da cultura e da sociedade galega dos nosos días.