A publicación deste libro xustifícaa no seu limiar Sebastián Martínez-Risco Macías -curmán de Vicente Risco e presidente da Academia naquel tempo- deste xeito: "coidou a Corporación xusto e axeitado recordar tamén a súa figura, reproducindo i espallando a serie de retratos fotográficos que compoñen este libriño, gardados uns nos seus arquivos, donados outros pola xenerosidade de un dos seus parentes máis devotos: o Académico numerario don Isidro Parga Pondal".
Atopámonos, logo, ante un libro no que se reproducen varias imaxes fotográficas do poeta de Ponteceso, e tamén dous retratos literarios a cargo de Manuel Murguía o primeiro, e de Lugrís Freire o segundo.
Este exemplar constitúe, ademais, unha rareza, pois é a primeira e única vez que a Academia edita un álbum fotográfico arredor dunha figura homenaxeada no Día das Letras.