Anxo Lorenzo, Alonso Montero e García Seoane
O acto, que contou coa presenza, entre outros, de varios membros numerarios e correspondentes da Academia, ademais da do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, foi inaugurado polo presidente da Academia, Xesús Alonso Montero quen, logo de agradecerlle ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, a súa colaboración no desenvolvemento dos faladoiros e na reedición dos Rogos dun gallego, salientou na súa intervención o carácter excepcional desta obra: "Este opúsculo é unha verdadeira alfaia das nosas letras, publicado no que podemos considerar a prehistoria do noso Rexurdimento cultural para denunciar os abusos da Inquisición e avogar polo fin do absolutismo".
"Estamos perante un personaxe de grande importancia para a nosa cultura, grazas ao cal podemos coñecer mellor, non só a situación da nosa lingua, mais tamén a do noso país naquela época convulsa" comentou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen rematou a súa intervención -logo de destacar o risco que supuña no seu tempo a edición dunha peza coma os Rogos- destacando o seu valor textual: "O texto tamén ten un gran valor en si mesmo, pois está escrito ao xeito dun romance de cego, é dicir, unha composición rimada para facilitar a súa memorización e recitado público".
O alcalde de Oleiros Ángel García Seoane, pola súa parte, puxo o peche ao acto preliminar declarándose orgulloso de ser conterráneo de Pardo de Andrade, "un xornalista que toda a súa vida puxo o seu talento ao servizo da defensa da liberdade de conciencia, a denuncia do absolutismo e a construción dun mellor futuro para Galicia, fomentando o uso da nosa lingua e o ancheamento das nosas liberdades".
Barreiro Fernández
O profesor, historiador e membro numerario da Academia, Xosé Ramón Barreiro Fernández, centrou o seu discurso na análise da fisionomía sociolóxica de Galicia durante a Revolución Francesa e a Revolución de 1808. En palabras de Barreiro Fernández, Galicia era daquela unha sociedade eminentemente rural controlada ideoloxicamente pola Igrexa: "A Revolución Francesa, xa que logo, só influíu en minorías en Galicia, o que sucede é que, por mimetismo, adoitamos pensar que a Ilustración Galega foi como a francesa: antiabsolutista, pero isto non é asi. A nosa é unha ilustración medoñenta, aquí non hai un Montesquieu, nin existe o conflito entre Fe e Razón ou a cuestión da propiedade. O seu programa político resúmese no do Despotismo Ilustrado". Ante este panorama, Barreiro Fernández recoñece que resulta difícil dar conta do acontecido en 1808: "Neste ano é como se o noso país se acelerase. De súpeto pasamos de ter un xornal e tres imprentas, a termos ducias de xornais e trinta imprentas en 1814. E todo grazas á invasión francesa, bendita invasión francesa. Só o acontecido en Madrid e Cádiz e comparable con isto". Froito da nova situación, aparecen na universidade santiaguesa os primeiros círculos liberais organizados, os de signo afrancesado arredor de Pedro Bazán de Mendoz, avó de Emilia Pardo Bazán, e outro do que forma parte o propio Pardo de Andrade: "Estes falan de soberanía nacional, da presenza do pobo nas instancias de poder e percorren as tabernas do país facendo publicidade desas novas ideas para adoutrinar o pobo, aínda que este sexa un concepto problemático". Barreiro Fernández fixo referencia tamén ao papel do exército ao longo de todo o século XIX como impulsor do credo liberal, e concluíu: "Dunha vez coñecido o sabor da liberdade, o pobo xa non o puido esquecer máis, e isto explica a perda progresiva do poder da Igrexa".
Henrique Monteagudo
No perfil biográfico de Pardo de Andrade enviado pola profesora María Rosa Saurin de la Iglesia –e lido polo secretario da Academia, Henrique Monteagudo, logo de escusar a súa ausencia- descríbese polo miúdo a peripecia vital do xornalista coruñés nado en Xaz (Oleiros), o 21 de novembro de 1760. Faise relación da súa amizade con Jovellanos, Southey e Moratín, da praza de capelán castrense obtida en 1797, e da fundación do Diario de la Coruña en 1808 para "crear unha opinión pública leal á nova lexitimidade", e máis tarde do Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña e de El Ciudadano por la Constitución, "que terma das novas leis explicando a orde máis xusta que traerían á sociedade". Esta actividade compleméntase coa de redactor de folletos como o propio Rogos dun gallego, ou Os servís e os liberás, ou sexa, Os odinotes e os constitucionás, concibidos co mesmo fin: o de espallar o credo liberal. Co retorno de Fernando VII en 1814, Pardo de Andrade exíliase primeiro en Londres e logo en París, desde onde volve a España en 1820 durante o Trienio Liberal, para colaborar como redactor nas páxinas do xornal madrileño afín a esta tendencia, o Español Constitucional. Coa restauración absolutista, marcha de novo ao exilio a París, onde morre en 1832.
Gonzalo Navaza
Na súa alocución, o profesor e membro correspondente da Academia Gonzalo Navaza, informou de dúas descubertas documentais que deitan unha nova luz sobre o decorrer vital de Pardo de Andrade no exilio. O primeiro documento -tirado dos arquivos da policía secreta parisina do primeiro terzo do XIX ao mando de Fouché- dá fe de certa confusión dos expedientes policiais arredor da identidade de Pardo de Andrade, a quen consideran, trabucadamente, un revolucionario brasileiro. O segundo documento é a Causa de Estado contra Agar e Ciscar, na que Pardo de Andrade aparece citado como un perigoso propagandista anticlerical, e que contén tamén un princeps de 1814 de Os servís e os liberás.