"Hoxe toca innovar", di Méndez Ferrín na presentación da nova páxina

O presidente valora a web como un paso adiante no proceso de modernización da institución e un salto cualitativo en canto a volume e organización de información sobre a Academia, as súas producións e arquivos. Con esta nova ferramenta a RAG reafírmase na súa vocación de servizo público e transparencia de funcionamento.
Mesa presidencial do salón de actos da Academia
De esquerda a dereita: o secretario, X. L. Axeitos; o presidente, Méndez Ferrín; e o codirector do Dicionario Manuel González


O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, presentou o día 30 de marzo, en rolda de prensa, a nova web da institución e o Dicionario electrónico galego. Tamén estiveron presentes o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, e o codirector do Dicionario, Manuel González.

En palabras de Méndez Ferrín: "Hoxe na Academia toca innovar. Con esta web a Academia sae desta casa venerable para entrar na casa de todos. É o momento de estar moi presentes na sociedade e a Academia cumpre con este mandado".

Nesta nova xeira, a web achega cumprida información da vida académica e facilita o coñecemento, primando dúas áreas que son o cerne da institución: velaí probablemente a base de datos máis completa sobre as figuras homenaxeadas nas Letras Galegas. E aínda máis. A RAG prima a transparencia, indicando cales son os acordos e os convenios que financian a institución. Inclúe información sobre a vida académica, poñendo directamente ao dispor do público fotogalerías e resumos videográficos dos actos. Por outra banda, debulla e valoriza o seu patrimonio: biblioteca, hemeroteca, arquivo, publicacións e recursos quedan patentes e á vista pública. Os catálogos, alí onde se pode, facilitan tamén a consulta na rede dos fondos. Na hemeroteca fíxose un esforzo de dixitalización e consulta en liña e a súa conexión coa rede de bibliotecas dixitais europeas: Europeana, Hispana e Galiciana.

Asemade contempla dúas novidades temáticas: un apartado específico sobre a nosa lingua e o seu uso; unha información pensada, sobre todo, para un público foráneo que se achega á Academia como á autoridade científica neste campo. E mais o que chamamos "destaques comentados", que, cunha actualización frecuente, irán dando conta de pezas senlleiras coas que conta a institución.

Transcribimos a continuación a introdución do Presidente na rolda de prensa da presentación:

"O lema latino da Academia é, desde a súa fundación, "colligit, expurgat, innovat": colleitar, expurgar, innovar. Hoxe na Academia é tempo de innovar.

Hai un par de anos, comprometémonos a avanzar no proceso de modernización da RAG e con esa teima levamos traballando desde entón. Hoxe, temos a satisfacción de presentar un dos resultados deste esforzo.

Velaquí está a nova web da Academia, que non só supón un paso de xigante en canto a volume e organización de información sobre a RAG, as súas producións e os seus arquivos, senón que incorpora unha potente ferramenta lingüística, o Dicionario, que desde hoxe estará na rede a disposición pública e de forma gratuíta.

Coa nova web, a Academia, que non sempre estivo á vista de todos, que non sempre tivo os medios necesarios, afirma, dun xeito claro, a súa vocación de servizo público e transparencia de funcionamento.

O Dicionario da RAG é unha ferramenta en permanente mellora e actualización, un importante avance na construción do futuro da lingua. O esforzo na modernización da produción hanos permitir agora novas estacións de chegada: están aí, como destino, o dicionario de sinónimos e antónimos; as buscas inversas de palabras; a xeración de familias léxicas e a implantación en distintas plataformas, móbiles e tabletas. Isto é o que permite o novo Dicionario, estes son tamén os retos de futuro.

Velaquí, pois, nesta web, un esforzo colectivo, dos académicos, dos traballadores da institución, das empresas de deseño e programación. Un esforzo que afirma á Academia na súa vocación de servizo público, unha institución que comunica e que escoita á sociedade.??Este é só un chanzo no camiño que queremos percorrer. Coa colaboración (achegas, suxestións, críticas...) de todas as persoas interesadas na nosa lingua e cultura melloraremos e avanzaremos como institución e como pobo.

Estamos nun momento complexo e cambiante. É un tempo de unidade e compromisos colectivos. Por esa razón, queremos aproveitar esta ocasión para renovar o compromiso da Academia -a institución galega máis antiga, fundada en 1906- coa nosa cultura e a nosa lingua. Levamos máis dun cento de anos como institución independente ao servizo deste país, atravesando diferentes épocas ao longo da historia. Asumimos esta responsabilidade. Comprometémonos a adaptar á Academia aos novos tempos e velaquí estamos, facendo novas achegas para as novas necesidades dunha sociedade en permanente cambio".