Homenaxe no Culturgal ás cantareiras, protagonistas das Letras Galegas 2025

Ás portas do inicio das Letras Galegas dedicadas á poesía popular oral a través das cantareiras, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá este domingo 1 de decembro (19:00 horas) un encontro que terá as mulleres que crean e transmiten as cantigas como protagonistas. Na cita, promovida pola Real Academia Galega e a Feira das Culturas Galegas, a académica de número Ana Boullón Agrelo explicará os motivos polos que a RAG decidiu dedicarlles o vindeiro 17 de maio. Deseguido presentarase o volume Somos pandeireteiras,  froito da asociación do mesmo nome, nada como espazo de pensamento e articulación social no que as propias tocadoras constrúen o seu relato dende a contemporaneidade. O serán rematará cunha actuación de Bouba.

A Real Academia Galega decidiu o pasado mes de xullo dedicarlle o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Esta candidatura múltiple é representativa das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións, lembra Ana Boullón, unha das súas promotoras. As Letras Galegas 2025 dialogarán asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.

Tras a presentación da candidatura, a tamén académica Ana Romaní e María Reimóndez, Susana S. Arins, Andrea Nunes Brións e a impulsora de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, en conversa coa xornalista e tocadora Selina Otero, presentarán o libro homónimo, que Xerais levará ás librarías nas vindeiras semanas. Todas elas asinan un volume no que relatan o que aconteceu no encontro que deu lugar hai tres anos a esta asociación, nada co obxectivo de que sexan as propias cantareiras as que creen o relato do que son e un futuro común, dende a existencia contemporánea e non museística, e dándolle centralidade ao pronome feminino plural nosoutras, salienta Mercedes Peón.

O serán contará ademais coas intervencións de Ana Fernández, Mar Suárez e Gisela Sanmartín, parte tamén de Somos Pandeireteiras.

A Real Academia Galega e o Culturgal organizan esta actividade co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.