Descuberta do monólito a Viqueira
As primeiras verbas da homenaxe a Xohán Vicente Viqueira foron da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, que agradeceu a presenza do Presidente e do Secretario da Academia e que, por fin, se fixese realidade unha homenaxe pendente dende 1974, ano no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas a Xohán Vicente Viqueira e no que, entre os acordos tomados pola Corporación naquela data, estaba o de colocar unha placa conmemorativa na súa tumba do cemiterio de Ouces.
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen dixo non ser un especialista en Viqueira, pero si un Viqueirófilo, manifestou que era momento de rematar coa débeda que a Institución tiña con este autor dende hai corenta anos. Destacou tamén que a Real Academia Galega, sempre que se trate dun escritor galego, ten que estar disposta a promover a obra e o nome dese autor con entusiasmo, destacando a figura de Viqueira entre os grandes da nosa terra.
A seguir interveu Alicia López Pardo, durante moitos anos mestra da escola de Vixoi, parroquia onde pasou Xohán Vicente 12 anos da súa infancia, e que mantén unha estreita relación coa familia de Xohán Vicente Viqueira. Alicia trasladou unhas emotivas palabras de profundo agradecemento do fillo do homenaxeado Jacinto Viqueira Landa, profesor emérito da Universidade de México, país no que reside.
Imaxe de familia dos asistentes ao acto
Ó remate destas intervencións descubriuse un monólito, obra do artista Francisco Escudero, coa seguite inscrición "No nonaxésimo cabodano do filósofo Xohán Vicente Viqueira, honra do pensamento galego".
A lectura de textos de Xohán Vicente Viqueira por nenos de primaria do CPI Cruz do Sar e a interpretación do himno galego por membros de Asociación folclórica cultural San Xoán de Ouces puxeron o ramo a esta debida homenaxe.
Henrique Monteagudo, Alejandra Pérez Máquez e Xesús Alonso Montero
Desde o Cemiterio de Ouces, o Presidente e o Secretario da Academia trasladáronse ao edificio cultural da Senra xunto coa Alcaldesa, onde explicaron ao alumnado de primaria e secundaria do CPI Cruz do Sar a importancia da figura de Xohán Vicente Viqueira, salientando, sobre todo, o sentimento galeguista que tan presente estivo durante a súa curta vida.