Homenaxe a Paco Martín nos corenta anos de Ramón Lamote

 Lamote, Ramón Lamote Miñato, profesor particular de chairego e debuxante de soños por encarga, deulles ás letras galegas o seu primeiro Premio Nacional de Literatura e simbolizou ademais o emerxer da vizosa literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Corenta anos despois da publicación da primeira novela que protagonizou este personaxe universal, Das cousas de Ramón Lamote, a Real Academia Galega renderalle homenaxe ao seu creador, Paco Martín, o vindeiro 15 de outubro no Círculo das Artes de Lugo (praza Maior, 23), nunha celebración de entrada libre que dará comezo ás 17:30 horas. 

“Con este acto, a RAG recoñece as achegas de Paco Martín á literatura infantil e xuvenil galega, as súas contribucións a situala como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor”, salienta a directora da Sección de Literatura da Academia e coordinadora do encontro, a académica Marilar Aleixandre.

O programa arrincará cunha conversa entre Paco Martín e a tradutora e crítica literaria Isabel Soto, cunha parte final que se abrirá ás preguntas do público. Deseguido o escritor Lois Pérez tomará a palabra cunha intervención titulada De cando o señor Lamote argallou un escritor chamado Paco Martín. Haberá tamén tempo para afondar no Paco Martín lector, da man do tradutor Alejandro Tobar, que falará dos libros que o unen con el. A parte musical correrá a cargo de Branca Villares.

A RAG organiza a homenaxe a Paco Martín coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Círculo das Artes de Lugo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as intervencións poderán seguirse ademais en directo dende a páxina web da RAG, academia.gal.