Homenaxe a Francisco Fernández del Riego

Con motivo do 101 aniversario do nacemento do polígrafo lugués, a Academia rendeulle homenaxe a quen foi tamén un dos seus presidentes.
Víctor Freixanes, Ana Acuña, Alonso Montero, Malores Villanueva e Ramón Nicolás.
Víctor Freixanes, Ana Acuña, Alonso Montero, Malores Villanueva e Ramón Nicolás.


O acto, celebrado na Academia, contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; do fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela; do deputado Guillermo Meijón; da directora xerente da Cidade da Cultura, Beatriz Loroño, da concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández; da vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da UdC, María José Martínez López e do director xeral da Corporación Voz de Galicia, Lois Blanco.

Autoridades asistentes ao acto.
Imaxe das autoridades asistentes ao acto.


Os membros numerarios Luz Pozo Garza e Salvador García-Bodaño foron os encargados de abrir o acto coa lectura de dous poemas en memoria do senlleiro galeguista nado en Lourenzá en 1913. A seguir, a vocal da Fundación Penzol, María Dolores Villanueva Gesteira, trazou no seu discurso unha visión panorámica da extensa biografía de Don Paco e do seu longo historial de servizos a Galicia, desde a súa temperá toma de contacto en 1931 co activismo cultural galego a través de Lois Tobío e o compostelán Seminario de Estudos Galegos, ata a súa decisiva e modernizadora xeira como presidente desta institución por volta do cambio de século. Entre esas dúas datas, María Dolores Villanueva salientou feitos como a súa delongada amizade con Castelao e fidelidade á causa do galeguismo político, quer na súa vizosa etapa republicana –formando parte da Federación de Mocedades Galeguistas, do Partido Galeguista, da comisión redactora do Anteproxecto de Estatuto, e de empresas editoriais como A Nosa Terra, Vieiro ou Alento- quer logo do golpe militar do 36, cando, inhabilitado para o exercicio do ensino polo novo réxime, teima na reconstrución do Partido Galeguista xunto con Gómez Román e Ramón Piñeiro, restablece a comunicación coa comunidade galega no exilio colaborando, por caso, de xeito asiduo no Galicia Emigrante de Luís Seoane, e toma parte na fundación da editorial Galaxia en 1950, da revista Grial en 1963 e da propia Fundación Penzol. "A súa foi unha vida de entrega total a Galicia que superou os atrancos impostos pola Guerra Civil e as súas dúas estadías na cadea", concluíu Villanueva Gesteira.

Malores Villanueva e Ramón Nicolás.
Malores Villanueva e Ramón Nicolás.


O profesor e crítico literario Ramón Nicolás centrou a súa intervención na análise das colaboracións en prensa de Fernández del Riego ao longo dos anos 50 e 60 publicadas no xornal Faro de Vigo, dirixido naquela altura por Leal Insua. Segundo este estudoso, os artigos de Don Paco tiñan a intención de "divulgar e darlle visibilidade á nosa literatura mediante críticas que eran máis ben xuízos de carácter impresionista sobre a obra dos nosos principais escritores e que tiñan unha marcada vontade de lle resultar accesibles ao lector". Estas columnas, escritas ao primeiro de xeito exclusivo en español, foron empregando de xeito crecente o galego co pasar dos anos, e constituíron, xunto coas pezas de Otero Pedrayo, a única testemuña escrita do galego na prensa da época.

A profesora Ana Acuña pasou revista no seu discurso á obra Escolma de poesía IV publicada por Galaxia en 1955, na que Fernández del Riego elabora unha antoloxía consultada de cincuenta autores contemporáneos que empregan o galego como lingua literaria, e que aparecen recollidos cunha selección da súa obra lírica e unha autopoética. Esta obra gozou dun inmediato éxito de público e puxo a semente dunha polémica que había durar moito tempo: a do establecemento da lingua como criterio exclusivo á hora de determinar a nación literaria dun escritor. Coa exposición do debate mantido nas páxinas de La Noche entre os partidarios –Méndez Ferrín e Rodríguez Mourullo- e detractores desta norma –González Alegre e González Garcés- púxolle o ramo a profesora Acuña á súa disertación.

Víctor Freixanes, Ana Acuña e Alonso Montero.
Víctor Freixanes, Ana Acuña e Alonso Montero.


"Fernández del Riego formou parte dunha xeración que torceu o vento da Historia", con estas palabras resumiu o académico Víctor Freixanes a contribución de Fernández del Riego ao mantemento da nosa cultura nos tempos sombrizos do franquismo. O autor de O triángulo inscrito na circunferencia examinou na súa alocución o labor como xornalista e editor da figura homenaxeada. "Del Riego foi músculo e pulmón de numerosos proxector xornalísticos, pois el posuía instinto de xornalista e sabía que a clave está en chegar á xente". No que atinxe ao seu traballo como editor á fronte de Galaxia, Fernández Freixanes comentou: "El foi o primeiro editor moderno de Galicia. Comprendeu axiña que a súa misión consistía en detectar as necesidades do corpo social e conectalas cos creadores do momento, e isto foi o que fixo precisamente con Cunqueiro, a quen recuperou para as nosas letras".

O presidente da Academia, Alonso Montero, salientou na súa alocución a importancia que para a divulgación da nosa literatura tivo a publicación en 1951 da obra Historia de la literatura gallega de Fernández del Riego, nun contexto histórico no que o coñecemento do noso herdo cultural era de moi difícil acceso para as xeracións máis novas. Alonso Montero rematou a súa intervención subliñando o carácter fortemente subversivo e simbólico do colofón desta obra de del Riego na que aparecen citados en galego os nomes dos obreiros encargados da manufactura do libro.

Imaxe do público asistente ao acto.
Imaxe do público asistente ao acto.