Méndez Ferrín durante a súa alocución
O acto celebrouse na Praza de Compostela e contou coa presenza do presidente da Academia, Méndez Ferrín; do membro numerario, Xesús Alonso Montero; do presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González, do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da irmá do homenaxeado, Ana Fernández del Riego; do presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta; do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García; de Xosé Pereiro, presidente da Asociación de Colombófilos Galegos e de Luís García Mañá, entre outros persoeiros do mundo da cultura.
En palabras de Xosé González, "Don Paco foi un home constante que traballou arreo, toda a súa vida, pola reconstrución da identidade deste país". González destacou tamén a importancia da figura de del Riego como ponte entre as novas xeracións nacionalistas e o galeguismo republicano: "del Riego foi o elo imprescindible, foi quen nos transmitiu a idea da continuidade da nosa loita en defensa de Galicia".
O membro numerario da Academia, Xesús Alonso Montero recoñeceu a importancia de Francisco Fernández del Riego na súa formación intelectual, "a súa Historia de la literatura gallega, publicada en castelán polos imperativos daquel tempo, introduciume ao tesouro das nosas letras". Alonso Montero aproveitou a ocasión para anunciar a súa recente descuberta do orixinal en galego deste libro de del Riego.
Méndez Ferrín principiou a súa alocución facendo referencia ao propio escenario do acto, "Alí, en Reconquista 1, fundou, xunto con outros, a Editorial Galaxia, e aquí enfronte viviu o último treito da súa vida. Estamos, pois, no Vigo de Fernández del Riego". Para o presidente da Academia, "Paco del Riego deixounos moitas ensinanzas a modo de paradigma para que nós o emulemos. Estivo na política, tamén nos anos escuros da clandestinidade, foi o primeiro bibliotecario da Penzol e un editor que coidaba, alentaba e corrixía os seus autores". Méndez Ferrín rematou a súa intervención aludindo ao vencello vigués de del Riego e Rosalía_ "hai un fío finísimo que une estas dúas figuras; nestas mesmas rúas publicouse, en 1863, Cantares Gallegos, o libro que funda a Galicia contemporánea".
Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou a figura do mestre homenaxeado, sinalándoo como un dos referentes imprescindibles do galeguismo do século XX, e manifestou o apoio da Xunta de Galicia aos actos en conmemoración do centenario do natalicio de del Riego.
Ana Fernández del Riego, irmá do homenaxeado, rematou a quenda de oradores cunha emotiva evocación do seu irmán e expresou o seu agradecemento, en nome da familia, aos organizadores do acto.
Despois da intervención de varios membros do grupo musical A Roda, que interpretaron unha das pezas preferidas de del Riego, a Asociación de Colombófilos Galegos púxolle o ramo ao acto coa liberación de cen pombas.