O presidente da Fundación Rosalía de Castro foi o encargado de dirixir a homenaxe, titulada "Semente de mencer", en referencia ao poema "Verbas a un irmao". Anxo Angueira definiu o escritor e tradutor como “unha das figuras máis extraordinarias e irrepetibles da cultura galega contemporánea” e Chus Pato, Antón Dobao e Xabier Cordal foron os encargados de profundar no retrato de Darío Xohán Cabana nun serán no que tamén evocaron a súa figura O Mago Antón, O’Leo de Matamá ou o poeta Lois Pérez, que interveu en nome da familia.
Darío Xohán Cabana Yanes (1952-2021) cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto como ao máis novo, entre os que salientan obras como Galván en Saor, un dos grandes éxitos da literatura galega das últimas décadas; poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte e as traducións ao galego dos grandes clásicos de literatura italiana, Dante e Petrarca. O fondo compromiso coa lingua e a identidade cultural e política galega atravesa unha produción creativa que arrincou no eido da poesía co guieiro de Manuel María, cuxa cadeira na Real Academia Galega ocupou no ano 2006.