Homenaxe a Castelao no seu 75 cabodano: “Enterraron un home e nacía un mito”

O 7 de xaneiro de 1950 falecía en Buenos Aires Castelao. "Enterraron un home e nacía un mito", expresou o presidente da fundación que leva o nome do intelectual rianxeiro, Miguel Anxo Seixas, na ofrenda floral celebrada este mediodía no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres na súa memoria. Entre os asistentes que encheron a igrexa de San Domingos de Bonaval, o acto contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e representantes das demais entidades que conforman a comisión para a conmemoración do Ano Castelao, que se estenderá con distintas propostas ata o mes de decembro.

1/4

A tradicional ofrenda floral que a Fundación Castelao celebra cada 7 de xaneiro no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres –onde descansan os restos mortais do intelectual dende 1984– marcou desta volta o inicio do calendario de actividades que se organizarán ao longo do ano para divulgar a figura, a obra e o pensamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, “un home que nos fixo, que nos fai e que nos fará sempre mellores”, enfatizou Miguel Anxo Seixas.

A poeta e patroa da Fundación Castelao Noelia Gómez conduciu a homenaxe, que contou na parte musical coa soprano Beatriz Riobó Agulla, a frauta de Fernando Raña Barreiro e a arpa de Alba Barreiro Mariño. Os tres intérpretes fixeron soar “Lela”, composición de Castelao para Os vellos non deben de namorarse, varias pezas populares e mais o Himno. Tras a ofrenda floral, servíuselles aos asistentes a sopa “Cousas da vida”, unha creación da cociñeira Lucía Freitas dedicada ao artista, escritor e político que se presentou nas cuncas deseñadas para a ocasión pola artesá Susana Anta.

A Real Academia Galega puxo en marcha hoxe mesmo un novo sitio web que permitirá afondar na figura e na obra de Castelao a través dos fondos que custodia. Entre eles figura a bandeira do Consello de Galiza, que abre a sección “Pezas descatadas”. A chamada bandeira de Castelao, doada pola súa viúva, empregouse na multitudinaria despedida do escritor no exilio de Buenos Aires. Castelao recibiu sepultura no cemiterio da Chacarita, onde o seu corpo permaneceu ata que, unha ves restaurada a democracia en España, foi traslasdado a San Domingos de Bonaval.