Historia do Día das Letras

A declaración do Día das Letras Galegas, que neste 2014 celebra a súa quincuaxésimo primeira edición, xorde dunha vontade histórica de respecto e exaltación da cultura propia.

De esquerda a dereita: Gómez Román, Francisco del Riego e Ferro Couselo, promotores da iniciativa do Día das Letras


Desde comezos de xaneiro de 1963, mesmo antes de que o promotor orixinal do Día das Letras, Francisco Fernández del Riego, comunicase á institución a idea na que andaba a cismar, unha sombra da conmemoración estaba xa xermolando. O académico de número Julio Rodríguez Yordi envía, con data do 10 de xaneiro, ao presidente Sebastián Martínez-Risco y Macías, un informe no que dá conta do proceso de edición de Cantares Gallegos, primeira obra da nosa poeta fundacional Rosalía de Castro. Atendendo ás pescudas do académico, a data final de publicación de Cantares Gallegos corresponde ao 17 de maio de 1863, polo que aquel 17 de maio de 1963 que estaba a chegar sería o ano do centenario da súa publicación.

Con esta advertencia a xeito de informe sobre a efeméride que se achegaba, a Xunta de Goberno celebrada o 19 de xaneiro acordou ter en consideración o feito e dar conta del na vindeira sesión ordinaria. Só oito días despois, o 27 de xaneiro, celébrase a xunta ordinaria na que Rodríguez Yordi dá lectura ao seu informe para o conxunto de membros presentes alí. A partir dese momento, seguindo a acta desta reunión, a Xunta de Goberno da Academia queda encargada da preparación dun "acto recordatorio" do aniversario e determina, ademais, propor ao concello da Coruña a creación dun monumento e mais dun busto á insigne poeta de Padrón.

Malia as iniciativas de conmemoración do centenario de Cantares Gallegos, aínda nada fora pronunciado arredor dun posible Día das Letras Galegas. Tratábase dunha efeméride inédita, aínda por concibir.

O 25 de marzo de 1963, o membro de número e posterior presidente da Academia, Francisco Fernández del Riego, remite á corporación unha proposta subscrita por tres académicos, seguindo as indicacións do regulamento. Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e o propio Fernández del Riego solicitan, nun informe asinado o 20 de marzo de 1963, a declaración do 17 de maio como Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos.

Nota manuscrita de Francisco del Riego dando conta do envío da proposta de creación do Día das Letras
Nota de Francisco del Riego dando conta da remisión da proposta para a creación do Día das Letras Galegas. [Premer na imaxe para descargar proposta completa]


Así describe o seu artífice, Fernández del Riego, a concepción desta egrexia festividade no seu libro de memorias, Camiño andado:

"Ano tras ano víñase conmemorando en todo o territorio do Estado, cada 23 de abril, a data do pasamento de Cervantes coa nominación de Día do Libro. Ideárase para exaltar en festividade ó libro escrito en idioma castelán. Parecíame que tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu, sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante. Unha festa cultural consagrada especialmente á rememoranza exaltatoria e difusora das letras na nosa fala".

Na procura dunha data que "tivese acento significativo na historia literaria de Galicia", o que sería un dos futuros presidentes da Academia bateu co 17 de maio e decidiu nomealo, xa para sempre no noso calendario, Día das Letras Galegas.

O 28 de abril, a menos dun mes da chegada da afamada data, celébrase unha xunta ordinaria que, ademais de aprobar a colocación dunha placa na casa de Rosalía en Padrón, resolve aprobar por unanimidade a proposta de declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano. Porén, os pasos a seguir a partir dese momento habían darse axiña e habían ser certeiros. Doutro xeito, a proposta non triunfaría.

Fragmento da acta na que se da conta da aprobación da celebración do Día das Letras
Fragmento da acta na que se aproba a celebración do Día das Letras Galegas en 1963


O 30 de abril, dous días despois, a Academia diríxese ao Ministerio de Información e Turismo informándoo da proposta acordada co obxectivo de obter a súa aprobación. Era 1963 e o réxime de Franco non adoitaba conceder permiso para a exaltación das linguas non oficiais do Estado. Pola mesma, solicítase que sexan permitidos en todo o territorio os actos conmemorativos. O 11 de maio, o Ministerio devolve, nunha carta, resposta afirmativa. Desde ese momento só restaban cinco días para a celebración, pero a Academia xa puxera en marcha os mecanismos necesarios para a socialización da efeméride.

De tal xeito, a partir do mesmo 30 de abril en que se contacta co Ministerio, comezan a enviarse notificacións informando da nova aos centros galegos do mundo enteiro, ás librarías e centros culturais máis activos daquela altura. Nesta liña de organización, na acta da Xunta de Goberno do 3 de maio, pode lerse que queda fixado o programa dos actos conmemorativos.

Portada do primeiro programa de actos das Letras Galegas en 1963
Portada do primeiro programa de
actos das Letras Galegas en 1963.
[Clicar na imaxe para descargar]

O 18 de maio, a Xunta de Goberno deixa constancia, na acta da reunión celebrada ese día, do éxito acadado nos actos que tiveran lugar nas distintas cidades galegas e nos centros galegos de América. Despois da ofrenda floral a Manuel Murguía sinalada no programa, realizouse unha visita a Gala Murguía de Castro, que foi a última filla do matrimonio en falecer, e sería no ano seguinte. Do documento saliéntase a velada literaria organizada na Reunión Recreativa de Artesáns da Coruña. Presidida a sala por un retrato de Rosalía, o público e os académicos asistentes presenciaron un acto ao que deu comezo o presidente, Martínez-Risco y Macías, solicitando ao secretario da corporación, Francisco Vales Villamarín, que dese lectura á acta en que se acordara a celebración do Día das Letras Galegas. Os académicos Benito Varela Jácome, Juan Naya e Fermín Bouza Brey interviñeron destacando aspectos diversos da excepcional poeta homenaxeada. Aquela tarde, a Academia volveu reunirse na Reunión Recreativa de Artesáns da Coruña como xa o fixera máis de cincuenta anos atrás, o 30 de setembro de 1906, cando os fundadores da Real Academia Galega soñaron, se cadra sen sabelo, un 17 de maio que fose por sempre o Día das nosas letras, o Día das Letras Galegas.