Henrique Monteagudo retrata o Casares universitario no acto da USC polas Letras Galegas

O secretario da Real Academia Galega participou hoxe no acto literario co que a Universidade de Santiago de Compostela conmemorou o Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares. Henrique Monteagudo impartiu unha conferencia sobre a traxectoria nesta institución do protagonista deste 17 de maio, na que estudou nos anos 60 da pasada década.

A USC conmemorou o Día das Letras Galegas cun acto no salón nobre do Pazo de Fonseca. Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Francisco Cidrás, Juan Viaño e as vicerreitoras Carme Silva e Dolores Álvarez. Autor: USC


O acto, celebrado no salón nobre de Fonseca, estivo presidido polo reitor Juan Viaño, quen destacou que no Día das Letras Galegas "celebramos a festa da nosa identidade, a festa da nosa personalidade". A xornada serviur de presentación do volume Casares en Compostela. Universidade e literatura, a cargo do director do Departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás Escáneo. Deseguido, Henrique Monteagudo repasou na súa conferencia a etapa de estudante en Santiago de Carlos Casares, etapa na que entrou en contacto co galeguismo histórico e na que viu saír do prelo o seu primeiro libro, Vento ferido.

O académico rematou a intervención referíndose á tese de doutoramento sobre a Xeración Nós que Casares nunca chegou a rematar. "A Minerva compostelá perdeu a ocasión de contar cun excelente profesor de literatura galega", lamentou. Hoxe, asegurou, a súa pegada continúa viva na USC, "aínda que só fose pola súa contribución a alumar o camiño da liberdade nos tenebrosos tempos da Ditadura e por deixar indeleble rexistro creativo da súa experiencia na Minerva compostelá nos seus maxistrais Xoguetes para un tempo prohibido", concluíu.