'Ha ser', de Anne Marie Morris

O achegamento á nosa lingua da poeta e profesora norteamericana Anne Marie Morris (Illinois, 1916-1999) produciuse da man do seu coñecemento accidental da poesía medieval galego-portuguesa.
Imaxe da capa do libro.
Imaxe da capa do libro


No limiar deste libro, obra de Ernesto Guerra da Cal, Anne Marie Morris confesa a súa inclinación polo noso idioma, "(A lingua galega) que amo hastra o punto de perda da razón", e polo texto rosaliano, "a poesía de Rosalía, belida en castelán, canta ainda mais doce en galego, i-a súa voz pode ouvirse sobre toda-las outras da Península".

Ha ser
A Betty e Haldane

Ha ser dunha longa noite,
este ensoño sonámbulo…
Ha ser névoa arroutada
dalgún outro vento,
disipada…
ser bico non realizado,
ensoño do pasado;
preámbulo do valeiro desexo, tormento;
vello pesadelo que vaga desacougado,
mal querido!

Ha ser dunha longa noite,
este ensoño sonolento
que non é ensoño…
Ha ser apenas bico esquencido
do tenro pasado
que o soño garda lembrado,
ben querido!


Voz fuxitiva, (Galaxia, 1964).