Gromo, máscara e pandemia son tres exemplos destacados das múltiples palabras presentes nos dicionarios que gañaron nos últimos meses un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas. Ata este ano, a acepción de gromo que recollía o dicionario en liña da Academia limitábase á relacionada coa botánica, a que designa o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores. Pero a pandemia de coronavirus levou á RAG a engadirlle o significado de aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo. O coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, explica na Tribuna de academia.gal os detalles desta escolla.
Máscara, na acepción referida ao aparello que cobre a cara ou parte dela como protección das vías respiratorias, é outro termo que deu o salto dos contextos sanitarios á rúa ao se estender o seu uso como medida preventiva da covid-19. Nas últimas semanas gaña tamén forza nas conversas a voz vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis. A ela lle dedica o Portal das Palabras un dos seus últimos contidos, no que se explica a relación do termo cun animal ben propio de Galicia: xorde a finais do século XVIII e deriva do latín científico variola vaccina que significaba ‘varíola das vacas'.
Palabras para o firmamento
En canto a seteiro, esta é unha das denominación propostas pola RAG para o grupo de estrelas chamadas en latín Sagittarius. Figura canda arqueiro na listaxe de nomes galegos das constelacións –presentada recentemente na Casa das Ciencias da Coruña–, froito da colaboración do Seminario de Terminoloxía da Academia e divulgadores da astronomía. De igual xeito, para a constelación Sagitta proponse a dobre denominación seta ou frecha. A primeira é a forma patrimonial máis en consonancia coa etimoloxía latina para se referir á arma consistente nunha barra fina rematada en punta, se ben constitúe un arcaísmo e hoxe a forma máis transparente para os falantes é a segunda. A parella seta-seteiro presenta en calquera caso algunhas vantaxes, entre elas evitar os problemas da polisemia de arqueiro (que tamén significa fabricante ou vendedor de arcos) e sobre todo da sinonimia con outro arqueiro, o fabricante ou vendedor de arcas.