Genljud fran Hesperien (1896)

Dedicatoria e tarxeta de visita de Göran Björkman nas primeiras páxinas do libro.
Imaxe da dedicatoria e da tarxeta de visita de Göran Björkman nas primeiras páxinas do libro


Entre as primeiras pezas literarias galegas traducidas a unha lingua non romance, temos as publicadas en 1896 polo profesor da Universidade de Upsala, Göran Björkman. Trátase dunha colectánea de poetas ibéricos titulada Genljud Fran Hesperien (Ecos das Hespérides), editada pola Academia Sueca en 1896 e dedicada "Al excmo. Sr. Don Pedro del Prat, Marqués de Prat de Mantouillet".

Nesta obra atopamos traducidos ao sueco seis poemas de tres autores galegos: dous de Uxío Carré Aldao, "Striden for frihet" e "Själsstrider" ("Loitas"), de Brétemas; outros dous de Rosalía, "En Mandolinata" ("A Bandolinata") e "Stilla!" ("Chirriar dos carros da Ponte"), tirados de Follas Novas; e, de Eduardo Pondal, "Langtan" ("Feros corvos do Xallas") e "Idyll" ("Pilleina antr´os pinos soa…"), ambos de Queixumes dos pinos.

Ademais dos tres poetas galegos citados aparecen recollidos tamén nesta antoloxía outros nove poetas dos cales catro son cataláns, Víctor Balaguer, Eveli Doria y Bonaplata, Apeles Mestres e Jacinto Verdaguer; e cinco en lingua castelá, Paz de Borbón y Borbón, Ramón de Campoamor, Antonio Cánovas del Castillo, Gaspar Núñez de Arce e Manuel del Palacio.

A pesar da súa grande importancia simbólica, a de ser probablemente a primeira tradución dun texto galego a unha lingua extrapeninsular, tanto a xénese da súa produción como o seu autor son practicamente descoñecidos entre nós hoxe en día. Como accedeu á nosa literatura e entrou en contacto cos precursores da Real Academia Galega son algunhas das preguntas para as que non temos resposta. Talvez, o feito de ser o sueco unha lingua de moi escaso coñecemento entre os nosos intelectuais poida ser unha das explicacións desta escuridade. Aínda así, as traducións de Göran Björkman de Rosalía e outros autores galegos ao sueco supuxeron unha verdadeira ampliación do noso universo literario, unha certificación internacional da validez do galego como lingua de cultura.

Göran Björkman (1860-1923) foi membro numerario do Instituto Nobel da Academia Sueca e correspondente da Academia des Bones Lletres de Barcelona, da Academia das Ciências de Lisboa e tamén da Real Academia Galega, cuxa constitución saudou cun telegrama recibido o 30 de setembro de 1906, que reproducimos a continuación e no que se pode ler: "floreat, vivat natio galaico" ("que viva e floreza a nación galega").

Telegrama enviado por Göran Bjorkman

Con motivo do seu pasamento, o 22 de decembro de 1923, a Real Academia Galega dedicoulle unha nota necrolóxica a Göran Bjorkman no seu Boletín número 159.

Esta obra, doada polo propio autor á Real Academia Galega, ten o número 33 do libro de rexistro. Foi, por tanto, unha das primeiras en ser recibidas na Biblioteca, máis en concreto, o 30 de setembro de 1906.