Galicia Nomeada pon a disposición da cidadanía 160.000 microtopónimos recollidos na primeira década do século

A aplicación Galicia Nomeada incorporou este outono 160.000 microtopónimos recollidos entre os anos 2000 e 2011 a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG). A plataforma impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para recuperar e divulgar os nomes da terra, posta en marcha a finais do ano 2019, xa incorporara o 60% dos algo máis de 400.000 microtopónimos ao seu visor, pero os demais estaban pendentes de dixitalizar, xa que a recolleita de campo foi realizada naquel momento localizando os nomes á man en ortofotos aéreas impresas. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completou o proceso, subindo á mesma aplicación os 160.000 nomes restantes de montes, devesas, leiras, penedos, praias, fontes ou regatos, dispoñibles agora na Rede para toda a cidadanía.

O traballo de xeorreferenciación desta microtoponimia foi realizado nos últimos anos polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo cartográfico da Xunta de Galicia dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo ao proxecto europeo GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". No marco deste proxecto de dixitalización do patrimonio cultural colectivo tamén se crearon a propia aplicación colaborativa Galicia Nomeada e o portal para a difusión da Toponimia de Galicia.

Con esta importante contribución, o proxecto toponímico da Real Academia Galega e do Goberno galego xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre. Este conxunto, que constitúe un auténtico tesouro do patrimonio cultural inmaterial,  é froito da unión das bases de datos do Proxecto Toponimia de Galicia, do Nomenclátor de Galicia e dos máis de 30.000 topónimos que os galegos e galegas achegaron dende finais de 2019 a través da aplicación Galicia Nomeada. 

O Instituto de Estudos do Territorio continúa a xeorrefenciar algúns concellos nos que a recolleita de nomes de lugar se realizou con distintos métodos e empregando bases de datos en distintos formatos, unha diversidade que introduce unha dificultade engadida na tarefa de homoxeneización e dixitalización dos datos. A previsión é que no ano 2022 toda a microtoponimia recollida entre 2000 e 2011 quede definitivamente dispoñible para o público en Galicia Nomeada.

Todos estes nomes poden consultarse a través do portal Toponimia de Galicia ou da aplicación Galicia Nomeada

Distribución dos topónimos incluídos
Os últimos microtopónimos do Proxecto Toponimia de Galicia subidos á Rede forman parte de 184 concellos das catro provincias, o que supón case o 60% do total de municipios. O concello que encabeza a relación de topónimos incluídos desta volta é Muras, con 5.690. A continuación están A Veiga, con 5.155, e outros nove concellos con máis de 4.000 topónimos: Coristanco, Ourol, O Corgo, Mondoñedo, Guitiriz, Xermade, Castroverde, O Pino e Entrimo.

En cifras absolutas, é Lugo a provincia con maior inclusión toponímica desta volta, con 60.167, seguida por Ourense con 43.000, A Coruña, con  máis de 37.000, e en último lugar, Pontevedra, con  algo máis de 19.000 topónimos. Por porcentaxe, o 75% dos concellos de Lugo recibiron algunha achega, fronte ao 59% dos da Coruña, o 56% dos de Ourense e o 44% dos de Pontevedra.

Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa que suma máis de 30.000 achegas
Desde a súa posta en marcha en decembro do 2019, a aplicación Galicia Nomeada recibiu máis de 31.955 achegas en forma de microtopónimos de todas as partes de Galicia. En total, son 2.256 as persoas e institucións colaboradoras activas neste momento. Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto, dispoñible en http://galicianomeada.xunta.gal, onde deberá indicar os seus datos persoais. Unha vez recibida a solicitude, o equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega contactará coa persoa colaboradora para validar a súa conta.