Galicia Nomeada achégase aos 88.000 microtopónimos rexistrados grazas á colaboración cidadá

Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recuperación da toponimia tradicional galega, supera xa o medio millón de topónimos xeorreferenciados. Preto de 88.000 entradas son nomes de leiras, regos, devesas, camiños, praias, fontes e outros microtopónimos rexistrados por veciños e veciñas de todo o país desde a posta en marcha deste proxecto a finais do ano 2019. Os concellos con máis contribucións son os de Vigo (6.681), Outeiro de Rei (3.959), Navia de Suarna (2.974), Redondela (2.968), Bueu (2.462), Rianxo (2.261), Cangas (2.252), A Baña (2.254), Mondariz (1.959) e Vilaboa (1.933), grazas a colaboradores especialmente activos como Iván Sestay, Orlando Viveiro Veiga ou Olivar Noenlle Vázquez. 

O visor de Galicia Nomeada permite nestes momentos consultar e descargar máis de 529.000 nomes de lugar. Uns 38.000 son os de entidades de poboación (concellos, parroquias e lugares) que figuran no actual Nomenclátor de Galicia e outros 403.000 son microtopónimos recollidos no marco do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que funcionou entre os anos 2000 e 2011. Pero a colaboración cidadá incrementa cada día o número de topónimos identificados e permitiu incorporar ao mapa de Galicia Nomeada, con achegas destacables, concellos como os de Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo, Allariz, Ponteareas ou Silleda, que no seu día quedaran fóra dos traballos de campo do PTG.

Xunto a estes dez municipios, outros 120 suman polo menos un cento de microtopónimos xeorreferenciados pola rede de colaboración cidadá deste proxecto que coordina o Seminario de Onomástica da Academia co apoio da Xunta de Galicia. En preto dun cento de concellos, cando menos, a metade dos topónimos subidos a Galicia Nomeada foron achegados polos seus usuarios, unha porcentaxe que sobe por riba do 90% na Illa de Arousa, Mondariz Balneario, A Rúa, Soutomaior, A Illa de Arousa, Corcubión, Petín, Vilaboa, Esgos, Outeiro de Rei ou Mondariz. 

Dos nomes propios ás redes de voluntariado
O éxito de Galicia Nomeada radica na colaboración desinterasada de persoas de toda Galicia. Moitas veces as contribucións son froito da conversa interxeracional entre avós que atesouran na súa memoria os nomes tradicionais de chousas familiares ou camiños que percorreron desde a infancia e netos e netas dispostos a xeorreferencialos empregando a aplicación dende o teléfono móbil. Outras contribucións débense á paixón pola toponimia de estudosos e tamén sobresaen experiencias impulsadas por centros educativos.

No seu primeiro lustro de vida, a plataforma achégase así ás preto de 4.000 contas de usuarios e usuarias entre particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino que cobren practicamente a totalidade do territorio galego. Máis da metade subiron a Galicia Nomeada polo menos unha ducia de topónimos ou presentaron algunha información valiosa sobre os nomes xa rexistrados, porque a aplicación tamén permite incorporar datos sobre cambios de denominacións ao longo da historia, audios coa súa pronuncia, lendas arredor dos topónimos, fotografías etc.

Entre os nomes propios, Iván Sestay, con 17.360 nomes, figura como o usuario de Galicia Nomeada máis activo. O seu traballo abrangue máis dunha vintena de concellos da provincia de Pontevedra como Vigo, Vilaboa, Nigrán, Moaña, Mos ou Cangas, do que é natural. Séguenlle Orlando Viveiro Veiga, con 3.984 microtopónimos dos concellos lugueses de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Lugo, Outeiro de Rei e Vilalba; e Olivar Noenlle Vázquez con outros 3.615 topónimos da Baña, Brión, Camariñas, A Coruña, Mazaricos, Negreira, Outes, Touro, Santa Comba, Zas, Sanxenxo e Lugo. A nómina de persoas colaboradoras conta tamén con estudosos como Helena Domínguez, cunha recolla na Illa de Arousa que abrangue a talasonimia, a rama da onomástica que estuda os nomes do mar.

Cento vinte e oito concellos, máis dun terzo do total, contan polo menos con dez persoas ou institucións que amosaron o seu interese en colaborar ou recoller a toponimia local. Entre os que máis usuarios anotados suman, salientan Boiro, Zas, Ribeira, Ortigueira ou Carnota, municipios que acolleron no seu momento algunha das charlas do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, percorre as catro provincias na procura de persoas que colaboren na recolla dos nomes do territorio. O paso desta campaña propiciou en ocasións colaboracións especialmente vizosas, como sucede en Ponteareas, cuns 1.900 microtopónimos rexistrados dende entón. 

En clave institucional ou asociativa destacan ademais iniciativas de municipios como os de Redondela (con 1.300 microtopónimos), Allariz (1.387); Vilar de Barrio, onde Laura Rodríguez Lorenzo levou adiante o proxecto de voluntariado Somos referentes; Padrón, cunha experiencia similar con Pilar Lorenzo Campos á fronte; ou Barro, onde Sheila García Prado impulsou a iniciativa Nomea Barro, que implica todas as asociacións, colexios e veciñanza na recolleita da microtoponimia con Galicia Nomeada.

Vigo á cabeza e Taboadela sen rexistros
As achegas públicas recibidas a través da plataforma Galicia Nomeada déronse en practicamente todo o territorio galego. Só catro concellos carecen polo momento de persoas colaboradoras: A Capela e Toques, na provincia da Coruña, e Bande e Taboadela, na de Ourense. Pero en realidade o único concello galego onde aínda non comezaron os traballos de recolla é o de Taboadela, xa que tanto A Capela como Bande foron obxecto de estudo na primeira década deste século no marco do Proxecto Toponimia de Galicia. Na Capela recolléronse no seu día a través do PTG 1.609 microtopónimos que implican case todo o termo municipal e o mesmo aconteceu en Bande, con 3.417 rexistros.

1/3