Víctor F. Freixanes intervén na inauguración do XIX Simposio Pondaliano, acompañado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o especialista en Eduardo Pondal Manuel Ferreiro e o xornalista Xosé Ameixeiras. Fonte: Fundación Eduardo Pondal
O especialista na vida e na obra de Eduardo Pondal Manuel Ferreiro encargouse da introdución, edición e das notas de Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), o sexto volume da colección que edita a RAG, co apoio da Deputación da Coruña, cadrando co centenario do seu pasamento. O volume xunta os textos poéticos máis significativos e representativos da produción literaria pondaliana, lírica e épica. Manuel Ferreiro é tamén o autor de Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana (Deputación da Coruña, 2017), que tamén foi presentado neste marco.
O vindeiro martes, 10 de outubro, o académico Ramón Villares participará, xunto a Antonio Raúl de Toro Santos, nunha mesa redonda sobre o celtismo en Pondal. O programa do 17 de outubro contará co tamén académico, e secretario da RAG, Henrique Monteagudo, que ofrecerá unha conferencia sobre Carlos Casares, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ese mesmo día, o CEIP Labarta Pose exporá varios exemplos de boas prácticas arredor desta celebración, presentarase unha unidade didáctica sobre Eduardo Pondal para infantil e primaria e o IES Eduardo Pondal, unha das iniciativas do Club de Ciencia Ponteceso sobre aves no esteiro do Anllóns.
O programa do 24 de outubro incluirá un recital poético da académica Marilar Aleixandre, que pechará a xornada tras a presentación dun vídeo sobre Pondal de Asubío Media e a intervención de Félix Neira baixo o título "A outra maleta de Pondal".
O Himno galego será o eixe da derradeira xornada, o vindeiro 31 de outubro. Antonio Reigosa falará de Pascual Veiga, autor da melodía do poema de Pondal "Os Pinos", e Queimán e Pousa presentarán o seu libro-dvd de homenaxe á composición convertida en Himno.