Francisco Fernández Rei dedícalle un libro a Cabanillas no centenario de 'Vento mareiro'

"O vento mareiro non é simplemente un vento do mar, é un vento moi suaviño que no verán vén do mediodía á tardiña cando fai moita calor, do Barbanza ata Cambados, e refresca", conta o académico Francisco Fernández Rei. Un vento especial que tamén lle dá nome a un poemario singular que Ramón Cabanillas quixo dedicarlle ao seu Cambados natal. O concello celebrará o centenario da súa publicación, en 1915, con varios actos ao longo deste mes de novembro. O primeiro deles, esta tarde no Auditorio da Xuventude, será a presentación do libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa (Xerais), escrito por Fernández Rei, tamén cambadés. O día 14, a Academia tamén celebrará a efeméride na súa vila.
Cabanillas en 1913
Cabanillas, en 1913, nun retrato que lle enviou desde Cuba á súa dona


"Cabanillas é un poeta total, como dicía Carballo Calero, pero é que á parte é unha figura fundamental na configuración do teatro galego do século XX (…). É un dos clásicos da nosa literatura", resume Fernández Rei. Pero para el o poeta das Irmandades da Fala é aínda máis. "Á parte ten o valor afectivo de que eu nacín no mesmo barrio, en Fefiñáns, a uns metros da casa na que el naceu. Toda a paixase que el pinta, que ten que ver co Salnés, con Cambados, é a miña paisaxe, e moito léxico que emprega é o léxico que eu mamei na casa", explica.

Lugares e verbas comúns que percorren Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, obra que recolle boa parte do labor investigador dos últimos 15 anos de Fernández Rei sobre Cabanillas e o mar na literatura, nunha escolma de 30 textos, 9 deles inéditos, nos que a figura do "poeta arelado" está presente dun xeito ou doutro.

O académico presentará o libro esta tarde, ás 20 horas, no Auditorio da Xuventude de Cambados, acompañado polo concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, o profesor e investigador Emilio Insua, os cantautores Xoán Silva e Blas e a editora do libro, Anaír Rodríguez. Con esta presentación comeza o programa organizado para conmemorar o centenario de Vento mareiro dentro do cal a Real Academia Galega celebrará un acto o vindeiro sábado 14, que se desenvolverá no mesmo auditorio a partir das 19.30 horas.

Os textos que compoñen o libro de Fernández Rei son artigos, explica el mesmo no limiar, sobre Cambados, "e particularmente a cultura mariñeira da vila onde segue a cheirar a resina, fiúncho e marusía", e sobre "a entrega xenerosa de Cabanillas á dignificación de Galicia e á construción do galego literario". "E tamén sobre a presenza do mar da Arousa na obra do vate cambadés e na de moitos autores, mesmo da Galicia interior, o que fai que o mar da Arousa sexa o de maior presenza na literatura galega moderna", engade no prólogo o catedrático, que profundou na vida e obra de Cabanillas a partir do seu discurso de ingreso na RAG, no ano 1997.

A memoria e as paisaxes de Cambados centran a primeira parte do libro, en cuxa capa pode verse un elegante Ramón Cabanillas de 35 anos, nunha fotografía feita en Cuba en 1911 que o escritor lle enviou ao seu amigo Joaquín Sánchez Peña. A escolla non foi casual. É un retrato do autor en pleno esplendor vital e literario, ben diferente da icónica imaxe do Cabanillas con boina na última etapa da súa vida. Ao fondo, unha postal de Ksado do Paseo da Calzada de Cambados no ano 36, unha das moitas paisaxes que Cabanillas debuxaría con versos, e na que hoxe loce un monumento que recorda o poeta.

Un segundo apartado recolle notas biográficas e literarias de Cabanillas, o terceiro afonda na fala de Fefiñáns e na lingua literaria do autor, o cuarto está dedicado ao mar en Cabanillas e o literario mar da Arousa e o derradeiro recolle textos de temática diversa, entre eles un repaso polo Proxecto "2009, Ano Ramón Cabanillas", redactado en colaboración con Luís Rei, biógrafo do poeta finado o pasado verán. Xunto a Luís Rei e outras persoas, o académico foi asesor do Concello de Cambados nos actos do 50º cabodano de Cabanillas. Ademais de levaren a poesía do homenaxeado a colexios, á praia de San Tomé ou a vellos lavadoiros de roupa, no Nadal dese ano repartíronse cinco mil exemplares dunha escolma poética en todas as casas da vila. Entre elas, a de Xenxa e Pepito, os pais de Fernández Rei, a quen tamén lles dedica este libro. Inocencia Rei, Xenxa, é ademais a protagonista dun dos textos, "Unha vida entre peixe e salitre no mar da Arousa", unha historia persoal que é tamén a de tantas peixeiras que lle transmitiron a vida e a fala ao pobo de Cambados.