Francisco Fernández Rei lembrou o atraso da lingüística galega denunciado a finais dos anos 50 e comezos dos 60 do pasado século por mestres da filoloxía peninsular como Dámaso Alonso e Zamora Vicente e referiuse á creación na Universidade de Santiago de Compostela da sección de Filoloxía Románica (1963) e do Instituto da Lingua Galega (1971) como dous fitos que permitirían que a situación cambiase radicalmente.
O ALGa é o proxecto máis antigo do Instituto da Lingua Galega (ILG). O equipo inicial constituírono en 1974 Constantino García e Antón Santamarina como directores e Rosario Álvarez, Manuel González e o propio Francisco Fernández Rei, que co tempo se converterían, todos eles, en membros de número da RAG. “A rede do ALGa, de 167 puntos, comprende a Galicia administrativa e a parte occidental de Asturias, León e Zamora onde o galego tamén é lingua propia. O cuestionario contiña 2711 preguntas, basicamente léxicas. O traballo iniciouse en novembro de 1974 e finalizou en 1976. A derradeira enquisa, a de Lubián (Zamora), fíxose en maio de 1977”, repasa o académico.
O traballo sería xa naquel momento unha ferramenta importante para as Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977). “Os tres investigadores de campo do ALGa redactamos centos de borradores de mapas para mostrar a situación do galego oral á hora de tratar puntos dos seminarios dese consensuado documento, que foi a base da codificación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), do ILG e a RAG”, detalla. O ALGa volveu ser unha ferramenta consultada para a última reforma das Normas, do ano 2003, e segue a terse en conta nas sesións do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega á hora de discutir algunha nova entrada no Dicionario ou para incorporar sinónimos, engade o lingüista.
Francisco Fernández Rei detívose na súa conferencia nunha serie de fenómenos morfolóxicos relevantes tendo en conta as propostas da Gramática elemental del gallego común (1970, 1974) de Carballo Calero, do manual Gallego I (ILG, 1971), das Bases de 1977 e da normativa de 1982, e amosando o que o ALGa reflectía para eles a mediados da década de 1970, dende o paradigma -án para os nomes masculinos e. –á para os femininos (irmán, verán / irmá, mazá) ata o adverbio aquí e mais as preposicións e conxuncións.
O académico centrouse particularmente na morfoloxía verbal, comentando, entre outros constituíntes, a terminación -stes da segunda persoa do plural do pretérito, xeral en galego fronte á moi minoritaria e diferencialista -chedes, con tradición literaria, que era a proposta da Gramática de Carballo e dos manuais de galego do ILG. Comentou tamén amplamente o radical de verbos irregulares e salientou que os abundantes e detallados comentarios sobre as variantes do verbo actual do texto das normas de 1982 puideron redactarse grazas ao álbum de mapas da súa propia tese de doutoramento (1979) sobre o verbo baseada no ALGa.
Finalmente analizou as propostas léxicas das Bases de 1977 dos días da semana e dos meses do ano feitas co material do ALGa, que son os da normativa no galego actual, así coma os nomes das estacións.