O programa de divulgación e formación da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua visita unha vez máis ás terras de Ordes coa intención de concienciar a poboación do valor cultural da súa toponimia menor, do risco que corre de perderse e do papel que pode desempeñar na súa salvagarda.
A charla Toponimízate en Frades vén motivada pola necesidade de ampliar o traballo de recolla realizado no concello desde o lanzamento de Galicia Nomeada en 2019: desde aquela, só hai rexistrados 205 novos topónimos no seu termo municipal, achegados por 9 persoas colaboradoras. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Frades non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a toda a poboación interesada no noso patrimonio cultural para que acudan á cita e coñezan o moito que poden facer eles para conservaren este tesouro de noso que é a nosa toponimia tradicional.
Vicente Feijoo explicaralles aos asistentes o funcionamento da plataforma colaborativa na que están implicados milleiros de persoas por todo o país e todas as posibilidades que ofrece para a recolla de microtopónimos. Os asistentes aprenderán a introducir un novo nome, a información que sexa de interese sobre el (lendas, descricións...), un arquivo de son coa súa pronuncia ou imaxes que o ilustren, entre outros datos.
O filólogo exporá ademais a orixe e o significado dos topónimos das parroquias e aldeas de Frades, entre eles o de Caboladrón, un topónimo único no Nomenclátor que semella estar formado polos substantivos do galego común cabo (lat, CAPUT) e ladrón; agora ben, este segundo elemento pode ser unha variante de Lardón, e relacionarse con outros topónimos do Nomenclátor como Vilardón, que foron explicados a partir do o antropónimo ORDONĬUS, a partir dunha forma ORDONĪĪ en xenitivo.