'Fóra de portas', a biografía de Roberto Vidal Bolaño

O escritor, músico e dramaturgo compostelán, Roi Vidal Ponte, analiza neste libro a traxectoria vital, artística e intelectual de Roberto Vidal Bolaño, protagonista do Día das Letras Galegas 2013.
Roberto Vidal Bolaño
Roberto Vidal Bolaño


O título de libro, Fóra de portas, transmite unha imaxe de Vidal Bolaño como persoa comprometida co público, co que acontece fóra, na rúa, era así de feito?
En realidade o título responde a unha circunstancia vital do propio biografado, a quen na súa infancia compostelá o trataban como un marxinado por ser do barrio de Vista Alegre, ou sexa, de "fóra de portas" da antiga cidade vella de Santiago. Nese sentido, a frase si que contén tamén unha simboloxía que se corresponde coa interesante interpretación da que falas na túa pregunta.

En todo caso, o certo é que tanto na obra como na vida de Roberto Vidal Bolaño o compromiso coa cousa pública e particularmente coas clases máis desfavorecidas e cos sectores máis marxinalizados é, xa non innegable, senón fundamental para entender a dimensión da súa figura.

A partir da lectura da súa obra podemos inferir que Vidal Bolaño tivo un coñecemento fondo e directo dos ambientes, bares e lugares propios da clase traballadora santiaguesa e, porén, refugou sempre de calquera costumismo. Como definirías, pois, a relación entre a vida e a obra de Vidal Bolaño?
RVB foi ante todo un compostelán que se moveu sempre a medio camiño entre o centro e a periferia da súa cidade. Esa dialéctica, que eu trato de reflectir no libro desde o propio título, fai que o autor dignifique como obxectos estéticos referentes propios da cultura popular, como o cómic ou a novela por entregas, nun diálogo asombroso con todo o movemento Pop dos anos 60, que foron a década da súa formación artística inicial. Na biografía compróbase como a través do cineclubismo compostelán entra en contacto co neorrealismo italiano e coa nouvelle vague, e desas miradas e desas estéticas fica unha ampla pegada en toda a súa obra.

Noutro sentido, pódese dicir que á súa dedicación á profesión teatral foi o centro da súa vida, a actividade e a paixón que nucleou practicamente todas as demais facetas.

Durante o proceso de escrita deste libro, que aspectos descoñecidos da vida de Vidal Bolaño descubriches?
Descubrín un interese pola cultura, pola política e pola conciencia nacional e de clase moi temperá, nunha época na que non era aínda habitual que nunha pequena cidade gobernada por sotanas houbese intelectuais autodidactas como o que el foi. Descubrín tamén que a cercanía coa realidade que reflicte a súa estética teatral, resumida nesa definición perfectamente acaída que é "teatro do aquí", está presente asemade na súa relación humana coas persoas que o coñeceron. Todas as persoas ás que entrevistei recalcaron a idea de que ao principio RVB lles daba algo de medo, debido ao seu físico e ao seu carisma, mais que en realidade era un home moi cercano, agradable, xeneroso, xusto... sen esquecer a súa monumental e lendaria "mala hostia", claro!

De que xeito caracterizarías a evolución artística de Vidal Bolaño?
É moi curioso comprobar como nos seus primeiros textos, que foron unha columna de opinión nunha folla parroquial cando aínda era un adolescente, RVB toca certos temas, como o da hipocrisía social ou o autoodio provinciano, que han volver estar presentes ao longo de toda a súa obra dramática posterior. Nunha primeira etapa experimenta con linguaxes expresionistas que entronca coa tradición do esperpento valleinclanesco e co Teatro Popular Galego de homes como Castelao, Pedrayo ou Blanco-Amor.

Pouco a pouco as súas preocupacións políticas van encontrando acomodo en estruturas dramatúrxicas herdeiras do teatro épico brechtiano para rematar ensaiando un realismo posmoderno en constante diálogo co cinema. Non hai que esquecer que a RVB lle é moi acaída a expresión de Ingmar Bergman, que dicía que o teatro era a súa muller e o cinema a súa amante. Esa paixón vaise vendo cada vez máis satisfeita e liberada, sobre todo desde que nos anos 80 RVB tivera varias experiencia no eido da dobraxe e a televisión.

Divides a biografía en diferentes capítulos, cada un deles contado por un narrador diferente. Como chegaches a esta decisión?
Mentres escribía o libro tratei de empaparme da cultura que RVB podía estar a consumir en cada momento da súa vida. Intentei ler os libros que sospeitaba que el podía ter lido, ver os filmes que sabía que el vira e admirara. Foi vendo Citizen Kane como se me ocorreu a idea de contar a historia desde diferentes puntos de vista para dar unha imaxe externa e polifónica do protagonista e así afastarme, aínda que só fose de xeito ficcional, da miña condición de espectador privilexiado en canto fillo do biografado.

Hai tamén unha homenaxe ao RVB dramaturgo na invención de personaxes imposibles, na humanización de seres inertes (nariz, sombreiro, furgoneta,etc) como facía o seu admirado Otero Pedrayo. Alén de reflectir o carácter diáloxico da elaboración da biografía, para que me baseei case exclusivamente nas entrevistas feitas a máis de vinte familiares e amizades, espero que, ademais, este atrevemento servise tamén para facilitar o interese literario e non só informativo do libro.

Fóra de portas foi publicado por Positivas neste 2014.