Fernando Cabeza Quiles, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de AGOn, publicou anteriormente como parte de Terra Nomeada outros tres volumes centrados nos topónimos da Estrada (2018), Carballo (2020) e Ribeira (2022). Coas páxinas sobre Padrón e Pontecesures continúa a debuxar o seu mapa vital a través da toponimia, unha disciplina na que conflúen as súas dúas grandes paixóns: a natureza e a fala. “O meu amor pola natureza derivou no amor polos seus nomes e mais os da paisaxe, que son os topónimos”, conta.
O filólogo naceu en Ponferrada pero sendo aínda ben pequeno trasladouse coa familia á Estrada, o concello pontevedrés ao que lle dedicou o seu primeiro volume en Terra Nomeada. Pola profesión do pai, profesor de instituto, viviu tamén en Ribeira, e “por casamento” asentouse en Carballo. Mais Padrón e Pontecesures son tamén escenarios destacados da súa vida: Cabeza Quiles ten raíces en ambas as beiras do Baixo Ulla, onde se asentaron parte dos seus devanceiros no século XIX procedentes de Luarca e Os Oscos (Asturias); e nesta terra adoitaba pasar as vacacións do verán e do Nadal, na casa dos avós paternos, naturais de Cesures.
O libro sobre estes dous concellos, editado pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, detense nos arredor de cen nomes que designan as entidades de poboación de Padrón, así como nos dos montes Castro Valente, O Lapido e Meda, e mais os ríos Vello (antigo leito do Sar antes do seu desvío) e o propio Sar. Na parte de Pontecesures, analiza os nomes da súa única parroquia, Requeixo, e dos seus lugares, e mais os que identifican os montes Galiñeiro e Monte de Porto.
O valor dos informantes
Fernando Cabeza Quiles traballou na redacción de Toponimia de Padrón e Pontecesures durante algo máis dun ano “porque é un libro breve, pero bastante intenso, con moita información”, salienta. Mais o volume é o resultado dun labor de moitos anos dedicados ao estudo e a recolleita de nomes da terra. “Coido que é froito dunha bagaxe que empeza en realidade cando era neno, case sen me decatar, a través do meu contacto coa zona e a súa natureza. Xa de adulto, é fundamental a lectura de moita bibliografía e, por suposto, percorrer o territorio. Teño gastado moitos coches cos topónimos!”, expresa o filólogo, cuxa primeira achega editorial neste eido, Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), levouna ao prelo Xerais hai xa máis de tres décadas.
Pisar a terra é fundamental para comprobar hipóteses porque moitos topónimos están realmente a retratala, ao se conservar aínda á vista o detalle natural ao que se refiren algúns deles. “Cesures procede da palabra latina caesura ‘corte’, e nomea a gran fenda no terreo, costa ou desnivel sobre o que se asentou o primixenio Cesures”, pon como exemplo. “Ten ademais ao seu carón outros tres nomes que corroboran o seu significado: O Castro, que sinala unha altura fortificada’; Infesta, a parte máis alta dun terreo’; e Requeixo, que se refire a un terreo en costa que remata nunha chaira”, detalla.
Outro esteo de calquera investigación deste tipo é a conversa cos veciños e veciñas de máis idade, engade o estudoso. “É fundamental ir aos lugares, aínda que xa pasases por alí varias veces, e volver falar coas persoas maiores. Elas son en ocasións as que che van dar ese detalle que non aparece en ningún libro e que é a clave”, valora o autor. Por iso entre os agradecementos cita a Josefa Vicente Enrique, veciña da aldea cesuresa de San Xulián; Marta Amo Doce, de Porto de Abaixo; e María Teresa Codesido, do lugar padronés do Paraíso; e tamén os “informantes anónimos” que nas súas viaxes desde Carballo a Padrón e Pontecesures lle deron “valiosas informacións dos lugares onde traballan e viven”.
Algúns exemplos
O nome da vila de Padrón, continuación medieval da contigua cidade romana de Iria Flavia, provén do latín petrōne, derivado de pĕtra ‘pedra’. Cabeza Quiles apunta que esta voz se refire á coñecida ara votiva de época romana dedicada a Neptuno que hoxe se conserva baixo o altar da igrexa parroquial, e que “debeu ser custeada no seu día polo foro iriense para pedir protección ao deus romano das augas para os navegantes e mariñeiros que saían e entraban do outrora importante porto marítimo-fluvial da cidade”. “A alteración da vogal etimolóxica da sílaba inicial e no actual a é habitual na toponimia galega, onde se repite noutros topónimos Padrón, Padróns”, aclara. A pegada romana tamén está detrás doutros topónimos como A Calzada, na parroquia de Iria Flavia, que debe o seu nome á vía romana número XIX, sobre a que se construíu a N-550.
Pontecesures é por outra banda un nome “novísimo”. “Creouse en 1925, ano da constitución do concello ao se segregar do municipio de Valga. En orixe a denominación era Cesures, a forma que aparece na documentación medieval, na fala local e en 1881, ano no que o rei Afonso XII lle dá o título de vila á entidade urbana de “(San Luis de) Cesures”, detalla Cabeza Quiles.


