Fernando Cabeza Quiles presenta ‘Toponimia de Padrón e Pontecesures’ o 22 de xaneiro na Casa de Rosalía

Fernando Cabeza Quiles presentará o vindeiro xoves 22 de xaneiro na Casa de Rosalía Toponimia de Padrón e Pontecesures, a súa última achega a Terra Nomeada, a colección da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (AGOn) que explica dun xeito divulgativo e ameno a orixe e o significado dos nomes de lugar dos concellos de Galicia. O coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina, e a académica Ana Boullón, en representación da AGOn, acompañarán o filólogo no acto, que comezará ás 19 horas. A entrada é libre.

Fernando Cabeza Quiles, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de AGOn, publicou anteriormente como parte de Terra Nomeada outros tres volumes centrados nos topónimos da Estrada (2018), Carballo (2020) e Ribeira (2022). Coas páxinas sobre Padrón e Pontecesures continúa a debuxar o seu mapa vital a través da toponimia, unha disciplina na que conflúen as súas dúas grandes paixóns: a natureza e a fala. “O meu amor pola natureza derivou no amor polos seus nomes e mais os da paisaxe, que son os topónimos”, conta.

O filólogo naceu en Ponferrada pero sendo aínda ben pequeno trasladouse coa familia á Estrada, o concello pontevedrés ao que lle dedicou o seu primeiro volume en Terra Nomeada. Pola profesión do pai, profesor de instituto, viviu tamén en Ribeira, e “por casamento” asentouse en Carballo. Mais Padrón e Pontecesures son tamén escenarios destacados da súa vida, especialmente dos anos da infancia, cando adoitaba pasar as vacacións do verán e do Nadal na casa dos avós paternos, naturais de Cesures.

O libro sobre os dous concellos que separa o río Ulla, editado pola RAG co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, detense nos arredor de cen nomes que designan as entidades de poboación de Padrón, así como nos dos montes Castro Valente, O Lapido e Meda, e mais os ríos Vello (antigo leito do Sar antes do seu desvío) e o propio Sar. Na parte de Pontecesures, analiza os nomes da súa única parroquia, Requeixo, e dos seus lugares, e mais os que identifican os montes Galiñeiro e Monte de Porto.