Far Blues, de Luz Pozo

En 1986 a editorial Sotelo Blanco publicaba, na súa colección Leliadoura de poesía, o libro Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza.
Luz Pozo Garza
Luz Pozo Garza. 


Neste libro -alén das homenaxes a Rimbaud, Rosalía, Luís Seoane, Luís Pimentel, Ánxel Fole e Xosé María Álvarez Blázquez entre outros, e das múltiples referencias musicais e pictóricas- pódense detectar algúns dos trazos de estilo que a crítica ten salientado nesta autora: o tratamento en clave simbólica do material íntimo, o testemuño histórico e a elegancia formal.

FAR BLUES

Naquela cidade
onde unha rapaza escribía un diario secreto
na noite
mentres o soño desvalido semellaba finxir
silencios compartidos
nesa vella cidade do norte
o primeiro poema de amor flutuaba
coma un blues nostálxico na noite.

Só quería saber
por qué as cordas permanecen vibrando coma labios
e qué queda do diario secreto
na noite desvalida.

Querería saber daquel río esvaído do soño
tal unha despedida sen retorno,
do silencio curvado nunha praza deserta e antiga.

¿Onde vai o primeiro poema de amor
a materia sonora dun blues fuxidío
a inocencia primeira?