Fanse 92 anos da revista 'Nós'

A publicación nacía o 30 de outubro de 1920 en Ourense, con Vicente Risco como director literario e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na dirección artística. Nesta nova pódese descargar o editorial do primeiro número.
Cabeceira do primeiro número da revista Nós
Cabeceira do primeiro número de Nós


Os intelectuais Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez concibiron, a mediados de 1920, unha revista monolingüe sobre a cultura galega que sería abordada desde unha perspectiva universalista. Decidiron que se chamaría Nós e que se imprimiría en La Región, na cidade de Ourense, e así foi ata o ano 1923, cando pasou a se imprimir en Pontevedra. Porén, a etapa pontevedresa só durou ata o número 18, pois a publicación suspenderíase coa chegada da ditadura de Primo de Rivera. Grazas á iniciativa do editor e político Ánxel Casal, a revista apareceu de novo, editándose na Coruña, o 25 de xuño de 1925. Co traslado de Casal a Santiago de Compostela, a revista pasou a imprentarse alí desde o número 88 ata o derradeiro, o 144, que saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936.

Os intelectuais de Nós interesáronse pola identidade galega, pola historia, a lingua e a cultura de Galicia, mais tamén polo pensamentoe a filosofía europeas. Exploraron, xa que logo, outras culturas traducindo ao galego textos literarios e ensaísticos clásicos ou contemporáneos.

Alén dos intelectuais xa nomeados, o proxecto de Nós non sería posible sen as colaboracións de Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Otero Pedrayo, Luis Pimentel, Emilio Pita, Lois Tobío e Teixeira de Pascoaes, entre outros.

Desde a Hemeroteca da Academia, facilítase, para a súa descarga, o editorial do primeiro número, titulado Primeiras Verbas.