Fanse 50 anos do pasamento de Vicente Risco

A profesora e académica correspondente Olivia Rodríguez González réndelle homenaxe ao escritor e político ourensán Vicente Risco (1884-1963), no 50 aniversario do seu pasamento.
Vicente Risco dando lectura ao seu discurso de entrada na Academia
Vicente Risco dando lectura ao seu discurso de entrada na Academia


Volver ao seu
Risco falece nun dos momentos cumios da súa vida: é considerado como mestre fóra e dentro do Ourense culto, debulla novelas e ensaios sobre o mito, enche as cabeceiras con abondosos artigos de vario estilo: desde a glosa de síntese xenial, ata a fermosa écfrase, man a man con Ramón Otero Pedrayo, dos debuxos de Ourense por J. Conde Corbal. F. Fernández del Riego vén de lograr a súa incorporación ao carro de Galaxia. Comenta exposicións de arte en Galicia, Madrid e Barcelona. Traballa a eito en etnografía e fai crítica literaria dos novos autores do Brais Pinto, á beira das dedicadas aos vellos Castelao, Floro Cuevillas e Ramón Cabanillas. Convértese no mellor comentarista da narrativa galega de Álvaro Cunqueiro, a quen prologa. Cando lle chegou a hora comunicou aos seus que a vida lle pagou a pena. Poucos seres humanos poden acordar así.

O futuro inmediato
Son moitas as posibilidades de irmos enchendo ocos no coñecemento de Vicente Risco. Unha delas, o avance na recompilación do seu traballo na prensa. Hoxe Galicia dispón duns medios de dixitalización que van facendo accesible un labor que era impensable hai uns anos. A través dos seus artigos de potente e múltiple inspiración, pode reconstruirse a historia da cultura galega da primeira metade do s. XX, con todos os seus matices, e en consonancia coa achega de persoeiros que, coma el, deron milleiros de páxinas á prensa da Galicia interior e exterior: Desde os publicados en El Miño (para cando a súa recuperación?) ata os de Céltiga, La Noche, ou Informaciones, por citar tan só os artigos menos recordados. Nun labor que tivo tanto de persoal como colectivo, Risco ofreceu a expresión periodística e literaria da súa cerna máis auténtica.

Olivia Rodríguez González