"Fanny Garrido foi unha muller de carácter pioneiro"

Foi unha personalidade destacada da Galicia de finais do século XIX, pero o labor literario e social da académica correspondente Fanny Garrido é hoxe pouco coñecido. O acto que acolleu onte a Real Academia Galega co gallo do centenario do seu pasamento serviu para visibilizar distintas facetas da escritora e tradutora a través dunha conversa entre a xornalista Isabel Bugallal e a musicóloga Laura Touriñán, quen avanzou algunhas das achegas da tese de doutoramento que ultima, entre elas a da data exacta de nacemento de Fanny Garrido. O pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo encargáronse da parte musical interpretando os poemas da autora musicados por Marcial del Adalid.

Laura Touriñán nun momento da conversa sobre Fanny Garrido coa xornalista Isabel Bugallal


A Consellería de Cultura organizou esta homenaxe na sede da Real Academia Galega, institución da que a escritora e tradutora Fanny Garrido foi membro correspondente desde a súa fundación en 1906. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron o acto, que se completou cunha pequena mostra do chamado Fondo Marcial del Adalid, doado pola filla do músico e a autora homenaxeada á Academia.

Fanny Garrido naceu o 30 de outubro de 1842 e non de 1846, como ata agora se pensaba, desvelou Laura Touriñán na conversa que precedeu o concerto. A parella contraeu matrimonio o 16 de agosto de 1860, outra data concretada pola investigadora, e ao casamento asistiron como padriños dous membros da nobreza española enviados en representación da Casa Real, engadiu. "Polo tanto, ten visos de ser certa a anécdota, clásica na crónica coruñesa, que di que a raíña Isabel II, de viaxe en Galicia en 1858 para inaugurar o ferrocarril entre A Coruña e Madrid, se ofrecera como madriña de voda cando se cruzara con ela na rúa Real da Coruña e quedara impactada pola súa beleza", apunta Laura Touriñán.

Fanny Garrido publicou novelas baixo o pseudónimo Eulalia de Liáns, como Escaramuzas (Madrid, 1885) e La madre de Paco Pardo (Madrid, 1898), e traduciu diversos títulos alemáns ao castelán, entre os que destaca Viaje a Italia (1891), de Goethe, no que asinou ademais o limiar crítico. Foi tamén articulista e ensaísta, labor no que se reflicte a súa preocupación polos problemas sociais a través de textos sobre a situación agrícola, a pobreza e a infancia. O benestar dos menores foi, de feito, un asunto de especial importancia para ela no que amosou a súa implicación activa en espazos públicos daquela copados por homes. "Teño constancia de que, como cargo institucional, asistiu a dous congresos de hixiene escolar e educación familiar en agosto de 1910, que se desenvolveron en Bruxelas e París. Creo que estes son uns datos que non se sabían sobre ela e dan conta do seu carácter pioneiro, porque daquela a xente non se movía así por Europa, e menos as mulleres", profunda Laura Touriñán.

Marcial del Adalid adaptou a música popular galega a un novo espazo e un novo público, o dos salóns burgueses do século XIX, nun contexto influenciado polas mélodies francesas e os lied alemáns. Do seu interese pola música tradicional galega son boa mostra os Cantares viejos y nuevos de Galicia sobre poemas de Fanny Garrido. Sete deles, "Bágoas e sonos", "Frouxeira, triste Frouxeira", "Canto de berce", "A bordo", "Pesoulle!", "A sorte" e "A noite de San Xoán" soaron na homenaxe á autora con Alejo Amoedo ao piano e na voz de Susana de Lorenzo, quen tamén interpretaron "Mondariz", froito doutra colaboración da parella.


O pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo interpretaron varias cancións con letra de Fanny Garrido e música de Marcial del Adalid


Pero foron estes versos escritos expresamente ou non para a música de Marcial del Adalid? "É unha pregunta que me teño feito moitas veces. Non creo que fosen poemas de Fanny Garrido previos á composición da música, porque se non ao mellor teriamos un poemario dela e non é así. Creo que si hai moito traballo conxunto, porque o discurso da música e da métrica do poema ten que ir en consonancia, non poden ser pezas illadas", reflexiona Laura Touriñán.

A investigadora mergullouse para a elaboración da súa tese sobre Marcial del Adalid, entre outras fontes, no fondo do músico conservado na Real Academia Galega. Ademais das partituras do compositor, a institución custodia a biblioteca da casa familiar de Lóngora (Oleiros), na que se pode comprobar que a parella esta ao tanto das últimas novidades da vangarda do vello continente. "Tiñan os títulos máis salientables de Europa. Cousa que se estreaba en Europa, cousa que recibían na súa casa en pouco tempo. E o fermoso é que tamén compartían o que adquirían, facían moito mecenado: hai documentación que acredita que prestaban os libros para certos concertos na Coruña, para que se puidese escoitar a música que soaba nos salóns europeos", conclúe.


A Academia organizou unha pequena mostra do Fondo Marcial del Adalid no vestíbulo da rúa Tabernas, 11

 


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron o acto