A organización d’O seu último paraíso. No 75º aniversario da chegada de Cabanillas a Samos correu a cargo da Concellaría de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados e Jose Vaamonde asumiu o deseño para o relato preparado por Francisco Fernández Rei no que se afonda no paso do poeta pola abadía. “Despois dun camiño triste e longo na posguerra, pois, ademais da morte da súa muller, andou de concello en concello como secretario interino, sen renunciar ao seu pasado galeguista, en Samos Cabanillas atopou a paz, a soidade e o silencio que tanto arelaba”, contextualiza o académico. O que máis tarde sería o protagonista do Día das Letras Galegas 1976 chegou ao mosteiro por primeira vez o 24 de agosto do 1948 e volveu refuxiarse nel os tres anos seguintes, ficando nas súas instalacións no verán e parte do outono. As estadías foron ben frutíferas. “Na estancia entre os frades bieitos, ultimou a edición de Camiños no tempo (1949), que inaugurou a editorial Bibliófilos Gallegos, e da Antífona da cantiga (1951), libro inaugural do proxecto sociocultural de Galaxia; e compuxo Samos, onde versificou a historia do mosteiro bieito e glosou a vida monacal”, repasa o académico.
Nos paneis da exposición trátase a estancia de Cabanillas no mosteiro, a través da correspondencia do poeta con xente amiga; o incendio que se produciu o 25 setembro do 1951 por un accidente na destilaría de licor, días antes de que o autor deixase a abadía samonense; e, sobre todo, aténdese á obra Samos. Figuran mostras de poemas da edición de Galaxia do 1958 ilustrado por Agustín Portela, e follas do borrador dun mecanoscrito previo a esa edición; aténdese á recepción do poemario no seu momento, a través de cartas de amigos e de recensións na prensa da época, e tamén se ten en conta a valoración da obra a cargo de diversos estudosos.
Ademais dos paneis explicativos, exponse material do legado da familia Cabanillas, como cartas dirixidas ao poeta de Fefiñáns, entre outros, por Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño e o abade mitrado de Samos, Mauro Gómez, que quería facer unha edición de luxo do “poema” do mosteiro. A xoia deste material é o mecanoscrito de Samos, que na cuberta ten, con letra do propio Cabanillas, frases en latín para o comezo e para o final, que non aparecen na edición de Galaxia.
Esta é a primeira exposición temporal na que poden verse pezas do devandito legado, que durante anos conservou e aumentou Pitusa Vidal Cabanillas, que doou ao concello. A xenerosidade desta neta e afillada do poeta, que sempre arroupou coa súa presenza todo acto sobre o autor de Samos en calquera lugar onde se celebrase, acaba de ser recoñecida polo Concello de Cambados ao poñerlle o seu nome ao salón de actos da Casa da Calzada, que acubilla o museo dedicado ao creador de Vento mareiro.