Evaristo de Sela, un helenista singular

Poucos amaron as palabras mais ca el: as palabras do grego clásico desde moi novo e as do grego moderno xa na madurez dos seus estudos. En Sela (Arbo), onde naceu hai cen anos, aprendeu e practicou o galego, o galego daqueles eidos e daquelas xentes, o galego no que escribiu tantas veces en tempos de luz e en tempos de brétema. O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, recórdao neste artigo co gallo desta efeméride.
Evaristo de Sela. Imaxe por cortesía da Asociación
Cultural Evaristo de Sela.

Hoxe, 2 de marzo de 2017, hai cen anos que Evaristo González Fernández naceu nun lugar da parroquia de Sela, no concello pontevedrés de Arbo. O seu nome literario, Evaristo de Sela, é unha mostra moi clara da súa rilkeana vinculación á parroquia natal. No Seminario de Tui e nun de Bélxica fíxose latinista e iniciouse no grego, lingua que aprenderá, realmente, nas prisións franquistas de setembro de 1936 a xullo de 1942 (Caldas de Reis, Illa de San Simón, Fuerte de San Cristóbal de Pamplona, Batallón Disciplinario de Fuerteventura). O noso Evaristo González era soldado voluntario en Pontevedra, con 19 anos, en 1936, e, cando se produce a Sublevación do Dezaoito de Xullo, foxe, con dous compañeiros, a Portugal, onde non tardou en ser atrapado. Aí comeza a odisea dos cárceres durante seis anos. Aínda que non pertencía a ningún partido político republicano, as autoridades rebeldes non perdoaron a razón que, aló no fondo do seu espírito, "o soldado desertor" aducía: non quería matar compatriotas.

Foi no cárcere de Caldas de Reis onde as musas do helenismo o visitaron a fins de 1936. Era unha noite. O recluso dedicara unhas horas da tarde ó estudo do grego nunha Gramática que mans solidarias e filolóxicas lle fixeran chegar, conscientes de que aquel prisioneiro sentíase case libre cando percibía que melloraba no coñecemento da lingua de Homero. Esa noite, o noso filólogo (filo-logo: ‘o que ama a palabra') fixo esta cavilación: "Como soarán os hexámetros de Homero na fala que eu aprendín e falei, de neno e de mozote, na miña parroquia de Sela?". Ese día de 1936 esa noite , dalgún xeito, comezou a traducir ó idioma galego, a Ilíada e a Odisea, traducións que lle publicou o Consello da Cultura Galega en 1990 e 1992, respectivamente. O tradutor, o autor desta proeza literaria en lingua galega, falecería pouco despois: no ano 1994.

A proeza, iniciada nos cárceres do Réxime de Franco, continuou, xa en "liberdade", en Vigo, onde foi un escravo das clases particulares e en colexios pouco xenerosos. Mentres, fixo por libre os estudos da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, centro no que non existía a especialidade de Filoloxía Clásica. Pasado o tempo, xa maior, oposita, e culmina outra das súas proezas: faise catedrático de grego de Instituto. Era tal a febra e a enerxía íntima deste helenista autodidacta que, á beira da xubilación académica, aprende o grego moderno, froito do cal é a antoloxía, publicada postumamente, Poesía neohelénica (1708-1977), que editou a Xunta de Galicia no ano 2001.

Escribiu, tanto na prisión como fóra, poesía en galego e en castelán, recolleita, en parte, nos volumes Amar (Vigo, 1945) e Versos de preso e outras rimas (Ediciós do Castro, 2007). Este volume, prologado e organizado pola súa filla Stella Maris González Balbuena, foi epilogado por min. Poeta de lira plural, é autor dun poema antolóxico dentro da poesía antifranquista. Escribiuno a noite do 20 de novembro de 1975, horas despois da morte de Franco. Son 174 versos nos que o cidadán Evaristo González Fernández trousa todo o noxo e toda a carraxe que acumulou durante corenta longos anos. Titúlase, condignamente "Responso indignado (Coplas de maldecir ante el cadáver de Franco)".

O día 27 de novembro do ano 2011 a parroquia de Sela homenaxou o ilustre helenista diante da súa casa natal nunha xornada na que se deron cita a música e a poesía e na que houbo un capítulo "académico" protagonizado por Xesús Alonso Montero, Juan José Moralejo Álvarez e Víctor Fernández Freixanes. Estas alocucións están recolleitas, resumidas, no número 6 da revista Seliña, órgano oficial da Asociación Cultural Evaristo de Sela, que dirixe, con moito saber e entusiasmo, Agapito Valado, o gran reivindicador do noso helenista.

Xa no número 5 (decembro, 2011), figuran varios traballos sobre o homenaxeado, un deles asinado pola profesora titular de grego da Universidade de Santiago Maria Teresa Amado Rodríguez ("Evaristo de Sela, helenista e tradutor").

Ó finalizar o acto, descubriuse unha placa na fachada principal da casa natal con este texto:

Nesta casa naceu
Evaristo González Fernández
("Evaristo de Sela")
(1914-1994),
poeta e eximio helenista,
honra das Letras Galegas
como traductor da Ilíada, da Odisea e das mellores voces da poesía neohelénica.

Arbo, 27-11-2011