Estudantes do instituto Santiago Apóstolo de Buenos Aires visitan a Academia

A Real Academia Galega abriu as súas portas esta mañá a un grupo de estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, centro educativo que ten as súas raíces na iniciativa da colectividade galega en Buenos Aires. O alumnado, acompañado da profesora Alejandra Maccarone, foi recibido na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, e a tesoureira, Rosario Álvarez.

O alumnado, ás portas da sede da Academia co presidente da institución, Xesús Alonso Montero, a tesoureira, Rosario Álvarez, e a súa profesora, Alejandra Maccarone


Alonso Montero foi o encargado de explicarlles aos mozos e mozas a historia da Real Academia Galega e a súa función, "o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego", salientou. O presidente destacou tamén o valor da biblioteca que a RAG acubilla, "a mellor biblioteca galega do mundo, a máis rica e a máis extensa", e recordou o importante papel dos galegos na emigración na creación e no mantemento da institución.

Rosario Álvarez subliñou nesta liña a "emoción" que sempre produce recibir a visita do alumnado do instituto porteño polos seus vínculos cos milleiros de emigrantes que co seu esforzo axudaron tamén "a que Galicia medrase na educación". "Moitos deles axudaron a erguer escolas en Galicia mentres seguían na emigración (…). A través da emigración e do exilio, tamén estamos ao outro lado do mar, nunca quixemos esquecer aos que estaban ao outro lado", expresou.

A Academia obsequiou os visitantes con varias das súas publicacións, entre elas, unha reprodución fácsimil de Aires d'a miña terra de Curros Enríquez e o discurso lido por Xosé Neira Vilas no seu ingreso na Academia, A cultura galega en Buenos Aires:1950 -1960. Pola súa banda, o alumnado agasallou á RAG unha placa co emblema do centro educativo.