Estadeíña (1919)

Imaxe de Lugrís Freire
Manuel Lugrís Freire


Este ano en que celebramos, entre outras efemérides, o 150 aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire e un Día das Letras dedicado a un autor exclusivamente dramático como foi Roberto Vidal Bolaño, parécenos, tamén, un bo momento para facer memoria da gran contribución do autor sadense á construción do teatro galego.

Lugrís Freire (Sada, 1863-A Coruña, 1940) estreárase na composición de pezas teatrais xa en 1884, cando aínda era un emigrante radicado na vizosa e culturalmente hiperactiva comunidade galega na Habana. Certamente, ese foi o contexto no que en 1884, segundo a profesora Iolanda Ogando (citar artigo), compuxo a obra A costureiriña d´aldea.

Despois de regresar a Galicia en 1896, entra en contacto inmediatamente co círculo rexionalista que se reunía arredor de Murguía na coruñesa Cova Céltica, e, pouco despois, participa, xunto con Galo Salinas, na posta en marcha en 1902 da chamada Escola Rexional de Declamación, que tiña como obxectivo formar os futuros actores galegos. É neste tempo cando compón as pezas teatrais A Ponte (1903), Mareiras e Minia (1904) e Esclavitú (1906). Estas obras destacan pola súa fuxida das escenas costumistas, polo coidado da lingua, o ton reivindicativo e a facilidade para seren representadas.

En opinión de Iolanda Ogando, "a obra de Lugrís supuxo unha vía de comunicación co público galego, conexión inexistente na case totalidade das obras do período rexionalista". Por tanto é moi probable que sexa ese éxito de público o que explique certas reaccións na súa contra, como a do seu citado colega Galo Salinas, quen, no número 454 da Revista Gallega, tacha a obra A Ponte de socialista, de tese, de propagandística e sectaria, entre outras cousas, encetando unha disputa entre partidarios e contrarios dunha arte política que duraría ata hoxe. A crítica de Galo Salinas pódese ler aquí.

Estadeíña, comedia en dúas xornadas en prosa, foi, porén, escrita nunha época posterior e coincidente no tempo co novo pulo que á produción e á defensa da cultura galega lles deran as Irmandades da Fala, iniciadas en 1916 por Antón Villar Ponte, quen fundou na Coruña o Conservatorio Nazonal de Arte Galego, e recrutou o xa veterano Lugrís para a causa da renovación do teatro galego.

Esta nova xeración galeguista, que se denominou a si mesma nacionalista para se diferenciar dos rexionalistas, consideraba explicitamente o teatro "unha obra creada coa finalidade de prestixiar a lingua e a cultura galegas a través da exemplificación de casos cos que mostrar e demostrar actitudes, principios e normas, entendendo que o escenario non só era unha tribuna senón que o teatro se podía converter en escola" (Vieites, 2006). Un programa estético e político visible tamén noutra obra comentada xa anteriormente nesta sección, O Mariscal, de Villar Ponte e Cabanillas, rematada contra o ano 1921.

O argumento de Estadeíña é o seguinte: Bastián, mozo empresario da mariña, rolda a Rosiña, unha rapaza da mesma aldea e tamén empresaria que, porén,o rexeita e permanece fiel á memoria do seu prometido, Xurxo, desaparecido no mar. Toniño, irmán deste, argalla unha falsa estadea (Santa Compaña) do espírito de Xurxo para escorrentar a Bastián de xunta Rosiña. A obra remata co regreso de Xurxo, quen sobrevivira de milagre ao afundimento do seu vapor, e coa unión final dos amantes.

O argumento secundario da obra é a crítica da crenza neste tipo de supersticións. E, neste sentido, o personaxe de Martín, emigrante retornado de Nova York, encarna os ideais do racionalismo, o progreso, a igualdade e a confianza no traballo, amosándose contrario á vixencia das supersticións en parlamentos como o seguinte:

"Dese xeito facedes que a nosa terra viva decote asoballada. Os lugrumantes, a lumia da noite, o mal de ollo, e toda-las demais supersticiós botan sobre o voso espíritu a crénza n´algo superior, que tedes que concretar despois en cousas terreas. O cacique vive en vós como unha derivación d'esas leladas."

No que manifesta a súa visión das lendas de ultratumba como unha ferramenta de control dos señores sobre o pobo, un argumento que formaba parte desde había tempo do ideario dos círculos anticlericais.

"A importancia de Manuel Lugrís na historia do teatro galego", segundo a profesora Laura Tato, "é axial, tanto pola súa influencia en escritores máis novos […], como polo éxito de público, pois queremos chamar a atención sobre o feito de que, até 1915, cada vez que se presentou un grupo novo, fíxoo cunha obra del. Isto débese a que Manuel Lugrís Freire era, non só o mellor dramaturgo do momento, senón tamén o que máis gustaba ao público". O artigo completo pódese ler aquí.