O congreso abre a semana grande da celebración do centenario do pasamento da autora homenaxeada e cadrará, entre outras actividades conmemorativas, coa inauguración o xoves 28 de outubro no Quiosco Alfonso da Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade, mostra organizada pola Biblioteca Nacional de España na que poderán verse, entre outras, máis de 70 pezas relacionadas coa ela custodiadas pola RAG.
Víctor F. Freixanes, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a vicerreitora de Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo, en representación das tres institucións coorganizadoras, inauguraron o congreso xunto ao director do comité organizador, o académico correspondente e catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán; e mais Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que patrocina o encontro xunto á Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.
O presidente da Real Academia Galega lembrou o vínculo histórico da institución con Emilia Pardo Bazán (1851-1921), nomeada presidenta de honra da Academia no ano 1905. Dende 1978, a Academia ten a súa sede no que foi o fogar coruñés da escritora, custodia o seu arquivo persoal e boa parte da súa biblioteca e xestiona a súa Casa-Museo. A RAG séntese honrada e historicamente moi agradecida pola doazón das herdeiras de dona Emilia Pardo Bazán de parte do seu patrimonio a esta institución. Estamos na súa casa, e aquí celebramos a súa memoria. A creadora de La Tribuna, Los pazos de Ulloa, La madre naturaleza, La cuestión palpitante etc. deixou unha profunda pegada na cidade da Coruña, que ela bautizou co nome de Marineda, e Galicia está presente en toda a súa obra. A súa personalidade serve de referencia á Galicia que a fins do século XIX e nos primeiros anos do século XX estaba a incorporarse á modernidade, e non é casual que sexan tres grandes mulleres, Rosalía de Castro, Concepción Arenal e mais ela, as que simbolicen ese pulo histórico do que nos sentimos herdeiros e orgullosos», expresou Víctor F. Freixanes.
O presidente da RAG subliñou ademais o recoñecemento da institución ao labor de Xosé Ramón Barreiro Fernández, falecido o pasado mes de marzo. O historiador, presidente da Academia durante case unha década, foi –recordou– “impulsor da renovación da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e do seu papel como eixe xerador e aglutinador dos estudos pardobazanistas”.
Unha voz que segue de actualidade como narradora e feminista
Tras a inauguración, o director do comité organizador, José Manuel González Herrán, foi o encargado de presentar os primeiros relatorios. A conferencia inaugural correu a cargo do catedrático emérito de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e académico da RAE, Darío Villanueva, quen tamén tivo un recordo especial para o profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández como impulsor da difusión do legado intelectual de Pardo Bazán desde a Real Academia Galega. O investigador centrou a súa intervención no que representou no seu día Emilia Pardo Bazán e no que representa hoxe, desde o ámbito estritamente literario e tamén como pioneira do feminismo, un aspecto no que se afondará en sucesivas sesións do congreso, e que será a cerna da xornada do venres.
«Emilia Pardo Bazán é unha das narradoras máis importantes de toda a literatura do século XIX e de principios do XX, xunto a nomes tan importantes como Benito Pérez Galdós ou Leopoldo Alas. A súa inxente produción literaria segue sendo reeditada e traducida. Cen anos despois da súa morte, a súa literatura segue viva», salienta Darío Villanueva. «Pero hai outra dimensión que está a cobrar unha actualidade extraordinaria, a de verdadeira valedora do arraigo do pensamento feminista na cultura hispánica. Foi unha defensora da igualdade da muller e tamén fixo aportacións intelectuais que son equiparables ás das figuras máis importantes daquela primeira vaga do feminismo de finais do século XIX e principios do XX », resume.
A arte de transgredir a impersonalidade do naturalismo
«As súas ideas no que se refire ao papel da muller na sociedade son absolutamente actuais, foi unha verdadeira adiantada », coincide a académica de honra da RAG Marina Mayoral, que centrará a súa intervención en como Emilia Pardo Bazán manexaba a técnica narrativa naturalista da impersonalidade literaria, un uso condicionado polo propio carácter dunha persoa que non se resignou nunca a agochar as súas opinións, como se agardaba nas mulleres no tempo que lle tocou vivir.
«A impersonalidade consistía en eliminar o que Clarín chamaba os “parloteos con el lector”. O autor debía absterse de intervir na narración, evitando interrompela con digresións, e mesmo reprimirse para non manifestar os seus sentimentos sobre o que estaba a contar», explica Marina Mayoral. «Dona Emilia coñecía esta técnica e estimábaa, pero non sempre a practicaba. Con frecuencia transgredía a impersonalidade narrativa con comentarios, case sempre agudos e atinados, ou manifestando abertamente as súas simpatías ou antipatías. Esas transgresións son consecuencia do seu carácter, da súa forte personalidade, que se manifestaba en todo o que facía, e non restan méritos á calidade da súa obra literaria», analiza.
A mañá continuará cunha ollada ao amplísimo corpus xornalístico de Pardo Bazán da man de Enrique Rubio Cremades, profesor emérito da Universidade de Alacant, e rematará cunha indagación de Ángeles Ezama Gil, profesora da Universidade de Zaragoza, nas fontes dos relatos “Agravante” e “La hierba milagrosa”. O programa retomarase pola tarde con seis comunicacións e concluirá cunha ruta dramatizada por Marineda (19:00 horas), guionizada por Mariana Carballal e interpretada polas actrices Larraitz Urruzola e Estíbaliz Veiga.
Nuevo Teatro Crítico, unha revista singular para a autopromoción
Enrique Rubio Cremades non será o único relator que profunde no inxente labor xornalístico de Emilia Pardo Bazán, autora de incontables artigos (calcúlase que escribiu entre 2500 e 3000) aos que se referirán desde distintas ópticas outros relatorios e comunicacións. A catedrática da Universidade de Nova York Jo Labanyi deterase na revista Nuevo Teatro Crítico (1891-1893), «unha empresa singular no sentido literal», xa que Pardo Bazán redactou a totalidade dos seus doce números ao ano, de máis de cen páxinas cada un, e empregouna como unha ferramenta de autopromoción, defende a especialista en literatura española.
«Propoño que a revista foi concibida por Pardo Bazán como un instrumento de publicidade para a súa obra e figura pública. A súa creación permitiulle ser a súa propia axente literaria, ademais de construír unha imaxe de feminista militante e, ao mesmo tempo, católica entusiasta. De todos os escritores do s. XIX español, probablemente foi quen mellor entendeu a importancia da “publicidade periódica”, nas súas palabras, para a carreira literaria», sostén Jo Labanyi, que falará tamén, na xornada de clausura, do feminismo de Pardo Bazán e as súas contradicións.
A catedrática da UNED Ana María López Freire tamén prestará atención á prensa, pero para analizar como falaron de Emilia Pardo Bazán os medios estadounidenses na última década do século XIX. «A súa obra literaria tivo unha difusión fóra de España descoñecida ata o momento e a ese proxecto non foi allea a propia escritora», comenta. Tamén ollará cara aos Estados Unidos Ermitas Pena, profesora ad honorem da USC, que indagará nas semellanzas da teoría do conto en Pardo Bazán e a escritora norteamericana Edith Warthon, e no seu parecido como mulleres escritoras. «A escritora española e a norteamericana presentan un conxunto de elementos comúns en relación coa súa personalidade e coa súa profesión literaria. Son dúas mulleres cosmopolitas, coñecen outros idiomas estranxeiros e manteñen relacións sociais con importantes representantes da cultura en xeral e da literatura en particular. Á parte disto, ambas as autoras sentiron unha pronta vocación polo cultivo das letras, gozaron de recoñecido éxito e asediaron todos os xéneros literarios: novela, conto, poesía, teatro, xornalismo, crítica literaria, libros de viaxes, mesmo traducións», compara.
Emilia Pardo Bazán e Galicia
O pensamento e a obra de Emilia Pardo Bazán en relación con Galicia é outro dos temas nos que se profundará no congreso. Mañá martes a profesora honoraria da Universidade da Coruña Pilar García Negro ofrecerá unha ollada a Galicia en tres discursos: o de Emilio Castelar no prólogo de Follas Novas, o de Gaspar Núñez Arce no Ateneo de Madrid e o da propia Emilia Pardo Bazán na homenaxe a Rosalía de Castro celebrada no Liceo de Artesáns da Coruña en setembro de 1885, sete semanas despois do pasamento da escritora fundacional das letras galegas contemporáneas; a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama falará dalgúns temas comúns na obra de ambas as escritoras galegas; a académica correspondente e profesora da UDC Olivia Rodríguez presentará dúas calas na proxección da autora homenaxeada sobre a narrativa galega do seu tempo; e Carlos Francisco Velasco Souto, da mesma institución, centrarse no contexto histórico da súa obra e a visión da Galicia rural en Los pazos de Ulloa.
O programa do segundo día afondará tamén no europeísmo de Pardo Bazán da man de Marisa Sotelo (Universidade de Barcelona), Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty) explorará a súa experiencia do urbano en diálogo con Walter Benjamin; Javier López Quintáns (USC) abordará a industrialización, a mercantilización e o capitalismo na súa obra; e Emilia Pérez Romero, do Liceo Leonardo da Vinci de Saint-Witz, falará da luz na súa narrativa naturalista.
Dolores Thion Soriano-Mollá, catedrática da Universidade de Rennes 2; Ana Freire, catedrática da UNED; o académico e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares; e Isabel Burdiel, catedrática da Universitat de València, a gran biógrafa de Emilia Pardo Bazán e comisaria da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade, entre outros especialistas, son tamén parte dos protagonistas do congreso, que tras as primeiras xornadas na Coruña proseguirá en Santiago de Compostela.
A USC acollerá o xoves 28 de outubro, no salón nobre de Fonseca, unha serie de sesións centradas na curiosidade científica de Pardo Bazán con relatorios a cargo de José Manuel González Herrán, o académico Francisco Díaz-Fierros, e os profesores da USC Ana María González Noya e Andrés Díaz Pazos, entre outros investigadores. A xornada que se desenvolverá o venres 29 de outubro no Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Sección de Historia da Academia, centrarase na ollada de xénero da autora e arrincará cunha conferencia de Isabel Burdiel sobre o feminismo de Pardo Bazán en perspectiva histórica. Jo Labanyi, María Xosé Porteiro, Marilar Aleixandre, Mónica Bar Cendón e Pura Fernández completarán a ollada de xénero dun programa no que tamén se profundará na relación da homenaxeada coa Galicia do seu tempo.
Contidos relacionados
Resumo da segunda xornada do congreso
Resumo da terceira xornada do congreso
Gravación da cuarta xornada do congreso
Inauguración da exposición Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade