A RAG elixe a Ernesto González Seoane académico de número e a Xosé M.ª Gómez Clemente correspondente

Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi elixido na tarde de onte novo membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña. No mesmo encontro elixiuse académico correspondente o profesor de Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente (Ourense, 1962). 

Pola esquerda, Xosé María Gómez Clemente e Ernesto González Seoane

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC no ano 1985, Ernesto González Seoane doutorouse en 1992 con premio extraordinario cunha tese sobre a codificación gráfica e gramatical do galego no século XX. A lexicografía e a estandarización do galego, xunto á explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos, son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega. O filólogo é membro correspondente da RAG dende o ano 2004 e forma parte do seu Seminario de Gramática. Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías docentes e científicas na City University of New York, a Universidad de Buenos Aires e a Georgetown University, e exerceu diversas responsabilidades de xestión académica como decano da Facultade de Filoloxía da USC (2004-2012) ou director do propio ILG (2013-2018). Na actualidade é vicerreitor de Profesorado da universidade compostelá.

Entre os seus traballos lingüísticos máis destacados destacan a coordinación do Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006) e a coedición de obras colectivas como A estandarización do léxico (2003), A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (2008), Lexicografía de las lenguas románicas (2014), Léxico dialectal y lexicografía en la Iberorromania , Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna (2020) ou o recente Manual of Galician Linguistics (2025).

Por parte, Ernesto González Seoane dirixiu ou participou no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo. Foi director da versión 4.1 do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, cuns 30 millóns de formas gráficas, lematizadas e anotadas con etiquetas morfosintácticas; codirixiu Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e  CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, e participou na redacción do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.

Nos inicios da súa carreira profesional, o académico de número electo foi membro de equipos de redacción dalgúns dos primeiros dicionarios e vocabularios terminolóxicos que se publicaron tras a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística (1983), como o Dicionario normativo galego-castelán (1988) e o Dicionario escolar galego (1989) da editorial Galaxia e mais o Léxico da administración castelán-galego editado pola RAG en 1991.

Xosé María Gómez Clemente
A Real Academia A Real Academia Galega decidiu tamén no pleno deste venres elixir a Xosé María Gómez Clemente como novo académico correspondente. Membro do grupo de Tecnoloxías Aplicadas á Lingua Galega da Universidade de Vigo, a súa investigación céntrase no campo da neoloxía, a lexicografía e a terminoloxía, así como na aplicación das ferramentas informáticas ao estudo do galego. Dende 2024 é membro dos Seminarios de Lexicografía e Terminoloxía da RAG.
No campo da neoloxía, Gómez Clemente estudou a creación de novas palabras e expresións en galego partindo da súa recolla na prensa, deténdose en aspectos como a autonomía ou dependencia doutros idiomas ou a súa relación cos dicionarios. Parte dos seus 40.000 candidatos a neoloxismos incorporouse ao banco de datos sobre a neoloxía galega Neoteca, e serviu tamén de base para traballos lexicográficos baixo a súa coordinación como o Dicionario de neoloxismos (2005) e varias publicacións académicas.

Como terminólogo, colaborou en dicionarios e vocabularios especializados da Rede Panlatina de Terminoloxía e Neoloxía (REALITER) e no proxecto Termoteca da UVigo, traballou no Corpus Técnico do Galego e foi coautor do capítulo “Neology and Terminology” para o mencionado Manual of Galician Lingüistics. Nos eidos da lexicografía, da lexicoloxía e da semántica, foi redactor do Dicionario de sinónimos (1997), corrixido e ampliado en 2015, e do Dicionario de sinónimos do galego, e membro da Rede de Lexicografía RElex (2012-2018). Na actualidade é membro do equipo de Galnet, iniciativa para integración da lingua galega na rede léxico-semántica interlingüística de WordNet, e do proxecto do Dicionario Histórico e Etimolóxico da Lingua Galega. No campo da fraseoloxía realizou achegas como a dedicada a Vicente Risco.

A xestión académica ten ocupado parte do seu labor universitario en distintos momentos. Desempeñou, entre outros, os cargos de secretario do Departamento de Filoloxía Galega da UVigo e o de secretario e vicedecano da Facultade de Filoloxía e Tradución, director da Área de Calidade (2014-2018) e secretario da Cátedra José Saramago da mesma institución. Foi ademais presidente da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011), promotora da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.