'Érguete, corazón', de Aquilino Iglesia Alvariño

En 1957, o poeta Aquilino Iglesia Alvariño enviáballe un poema nunha felicitación de Nadal ao bibliotecario da Academia, Juan Naya.
Ilustración no anverso da postal
Ilustración no anverso da tarxeta


Membro de número da Academia desde 1949, o poeta de Abadín, Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961), formouse academicamente no Seminario de Mondoñedo onde tamén estudou, anos máis tarde, o protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, Xosé María Díaz Castro, con quen comparte, ademais, unha concepción semellante da poesía: clásica na composición, contida no ton e con preferencia polo tratamento de temas como a descrición da paisaxe rural natal e o material relixioso, como podemos comprobar neste caso no que desenvolve o motivo litúrxico do "sursum corda".

Érguete, Corazón
Emporranchiño, ledo, recén nado,
érguete, corazón, levián e puro,
claro milagre á renacer do escuro
onte que me retén encadeado.
Érguete, corazón de amor ousado,
da cinza amargue e triste en que me aburo
e da torre de noite en que me amuro
cara ó bruar do mar i o vento irado.
Naz outra vez, naz sempre e, renacido,
puro no puro aire da alborada,
érguete, corazón, fugaz estrela.
Que, ó cabo, da túa luz estóu prendido,
e, se apenas a vexo, e de pasada,
agardo, ano tra ano, para vela.

Poema no anverso da tarxeta
Poema no anverso da tarxeta


Aquilino Iglesia Alvariño foi tamén o protagonista do Día das Letras Galegas do ano 1986.