Carlos Vialle
No seu ditame, o xurado do Premio salientou a dificultade da tradución dunha obra que emprega "unha ampla combinación de rexistros, xogos de palabras ou alteracións presentes no orixinal". O resto do equipo de tradutores desta obra, publicada por Galaxia no 2013, estaba composto por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo.
Podería describirnos como foi o proceso de tradución do Ulysses?
Todo comezou cando Victor Freixanes, co gallo dunha visita a Bruxelas a finais de 2013, falou con Xavier Queipo da posibilidade de traducir o Ulises ao galego e así rematar o labor que Otero Pedrayo principiara apenas. Sendo que el non se vía con folgos para enfrontarse só con tamaña tarefa, preguntoume se estaba interesado en participar e daquela entrei eu no xogo. Despois Galaxia decidiu recorrer a unha terceira persoa, Eva Almazán, cunha sobrada reputación como tradutora profesional. Cando Eva Almazán tivo de deixar o proxecto en 2011, Galaxia seleccionou a María Seisdedos, que malia as dificultades lóxicas de entrar nun proxecto xa avanzado e que ficara parado dende había cinco anos por culpa de varios atrancos financeiros e dun conflito cos dereitos de publicación, soubo de contado inserirse nel.
Por tanto traballamos en dous equipos de tres persoas. Xavier Queipo e máis eu fomos os autores das primeiras versións, que despois enviamos a Eva e a María a fin de que as fosen puíndo, reescribindo e mesmo revirando. A excepción foi o episodio trece, onde trocamos os papeis de tradutor e revisor. A partir desa primeira versión, cada un de nós releu o texto moitas veces logo de innumerábeis viaxes de ida e volta entre Galiza e Bruxelas, en cada unha delas cargado con dúbidas, comentarios e correccións. Curiosamente o único que viaxou foi o texto dunha tradución que ía agromando aos poucos, porque os equipos de tradutores nunca chegaron a xuntarse fisicamente durante o proceso.
O fluxo de información acelerouse enormemente na fase final para cumprir uns prazos que ben se poden chamar draconianos pola vasteza do traballo e a necesidade de non descoidar as obrigas profesionais. A tradución, logo de ter estado en punto morto durante cinco anos, entrou nun ritmo acelerado, pois había que entregala antes de outubro de 2013 por mor das subvencións prometidas por institucións galegas e irlandesas para publicacións feitas nese ano. Tanta présa provocou que ao remate do labor o noso estado de ánimo fose de abraiante indiferenza máis ca de satisfacción.
Visto como discorreu o proceso da tradución, non se pode dicir que houbese un coordinador ou un líder do equipo, e aínda menos que leve a marca persoal de ninguén. Cada unha das 265.000 palabras do texto orixinal, algunhas delas inventadas por Joyce, pasaron por todas as mans nalgún momento do proceso. Todo o que a tradución teña de mao ou de bo será o resultado dunha obra colectiva.
O xurado do premio salientou no seu ditame a dificultade de traducir unha obra como esta, que estratexia seguiron para superala?
A chave foi o traballo en equipo. Ende ben todo o equipo compartía a mesma filosofía. A nosa interpretación da tradución do Ulises non se podía limitar a unha transposición de palabras, frases ou ideas. A nosa intención foi crear un Ulises que fluíse manseliño e que asemade recrease o contido e os efectos formais do orixinal, de xeito que puxese ao lector da versión galega nunha situación semellante á que se atoparía un lector da versión en inglés. Iso explica a ausencia de notas do tradutor ou de explicacións, visto que a versión orixinal tampouco as incluía.
O Ulises ten sona de ser un texto moi difícil de traducir por ser unha novela na que practicamente cada episodio está escrito cunha técnica narrativa distinta, con frecuentes cambios de estilo, de ritmo e de nivel de lingua, mesmo a segundo de quen sexa o personaxe principal do episodio. Traducilo implica, entre outras habelencias, ter enxeño para atopar equivalentes aos numerosos e recorrentes equívocos e xogos de palabras, sensibilidade poética para as cantigas e os poemas, ouvido musical para recrear o son dos lugares nos que se desenvolve a acción e que Joyce reproduce con recursos verbais, retranca para reflectir o sutil ton irónico que percorre o texto, memoria para identificar as réplicas e referencias que se repiten noutros contextos ao longo do Ulises, intuición lingüística para aprehender o senso do que se di ou non se di, sen esquecer os vastos coñecementos filolóxicos, enciclopédicos, técnicos, bíblicos, vulgares e populares que esixe tal tradución. Un conxunto de capacidades e talentos do que ningún de nós dispuña individualmente ao nivel que precisa a tradución do Ulises. Así pois, atribúolle que a nosa tradución fose merecedora do Premio nacional, fundamentalmente a que traballamos nela un colectivo de persoas que foi quen de reunir por xunto as competencias e a variedade de aptitudes necesaria para acabar ben este proxecto.
Malia estes atrancos e complicacións, non se debe esquecer que por máis experimental que sexa a lingua de Joyce, a maior parte do seu texto está escrito nun inglés perfectamente normal. Querer ser excesivamente literal podía producir a impresión contraria. Por iso a nosa regra de ouro foi a de escribir nun galego o máis idiomático posíbel cando o orixinal non esixía o contrario.
O Ulises tamén é unha novela divertida e irónica. Particularmente o episodio do funeral onde o personaxe principal, Leopold (Poldy) Bloom, fai unha interpretación moi persoal da liturxia da misa por serlle descoñecida a causa da súa orixe xudía. Por tanto espero que a nosa tradución faga, como mínimo, sorrir os lectores cunha retranca que disque ten moito en común coa galega.
O episodio catorce, no que Joyce recrea ou parodia fragmentos da literatura inglesa, dende o anglosaxón medieval deica o barallete contemporáneo, obrigounos a facer unha escolla peculiar ao non atopar outra solución que nos satisfixese plenamente. Para a tradución non nos podiamos inspirar en textos galegos da mesma época porque a evolución das dúas literaturas foi tan dispar, que os autores galegos deses tempos teñen máis cousas que os separan dos seus contemporáneos ingleses das que teñen en común. Iso obrigounos a buscar outra estratexia que consistiu en introducir no texto determinadas palabras e expresións orientadoras a fin de situar o lector no período histórico no que nos atopamos en cada fragmento. Esperamos ter acertado dalgunha maneira coa nosa escolla.
O Ulises é considerado un dos monumentos literarios do século XX, se este argumento non abondase por si mesmo para aconsellar a súa lectura, como incitaría vostede a un lector galego de hoxe a facelo?
Antón Vialle
Unha definición de "clásico da literatura" que fixo alguén con algunha retranca, di que é aquela obra que ninguén leu mais que todos desexaríamos ter lido. E que é citada arreo, engado eu para completar a chanza. Supoño que de poucos libros se pode afirmar máis a exactitude desta afirmación ca do Ulises.
A lectura dos clásicos porén é sempre recomendábel. Tratan cuestións eternas e universais. Os seus personaxes representan os mecanismos internos que se agochan en cada un de nós, e son figuras que viven eternamente, pois se reencarnan de xeración en xeración. Os clásicos confirman por unha banda o que xa sabíamos, mais tamén nunca terminan de dicir todo o que queren dicir, de xeito que cada lectura vén sendo un descubrimento de cousas nas que nunca reparáramos na vez anterior.
O Ulises encaixa perfectamente nesta definición. Mais cómpre desfacerse do prexuízo de que é un texto para estudosos na materia e convén non deixarse abafar polos miles de páxinas que se escribiron sobre el. Á fin e ao cabo non se trata dun texto arcano imposíbel de entender nunha primeira lectura. Non fai falta ser especialista para valorar o virtuosismo de Joyce, cando fai coa lingua o que lle peta, dende facerlle cantar opereta deica rinchar tal que os eixos dun carro. Nas súas páxinas ensaríllase o máis sublime (debates políticos, discusións literarias e reflexións filosóficas) co máis rapeño (diálogos aparentemente intranscendentes, actos sexuais ou escenas escatolóxicas). Xa din conta de que é unha novela escrita na súa maior parte nunha linguaxe normal e que narra de xeito divertido un día na vida de Dublín a través da singradura pola cidade de dous personaxes, Leopold Bloom e de Stephen Dedalus.
Ben se pode gozar dunha primeira lectura do Ulises, e aínda máis dunha segunda ou terceira. Eu só lle recomendo ao lector principiante que non se atrapalle cos atrancos que atope polo camiño e que vaia adiante coa lectura, como moito coa axuda dun plano de Dublín e dunha Guiness, porque de certo que os seus esforzos se han ver recompensados.
Ora ben, non se pode negar que se trata dunha novela con varios niveis de lectura, na que se pode afondar máis ou menos, segundo as posibilidades e os intereses do lector. Coma a calquera outra gran obra da literatura universal, pódeselle ir engadindo coberturas interpretativas e referenciais para que a novela vaia revelando as súas mensaxes codificadas. Sexa como for, ler o Ulises pode acordar no lector desexoso de saber máis, a curiosidade por profundar na historia de Irlanda, no mitoloxía ou na existencia real ou ficticia de Shakespeare, por citar algúns dos temas que se tocan no Ulises.
Cada ano o dezaseis de xuño, día no que acontecen os feitos que relatan no Ulises, moitos peregrinos literarios se achegan ás rúas de Dublín co fin festexar o chamado "Bloomsday". Nesta celebración percorren os lugares que aparecen na novela disfrazados como os seus personaxes e len en voz alta fragmentos enteiros do Ulises. Unha honra das que poucas novelas se poden gabar. Algún motivo haberá, digo eu.
Por último, que importancia ten, ao seu parecer, a tradución do Ulises para a nosa cultura?
Todo sistémica lingüístico depende das traducións dende e para outras linguas para abrirse ao mundo e comunicar con outras culturas, particularmente importante na era da globalización. O sistema galego non é ningunha excepción. Unha parte dese proceso é a tradución dos clásicos da literatura universal á nosa lingua. Por conseguinte sempre é unha boa noticia para o sistema cultural galego que se poida riscar unha obra máis desa lista ficticia de clásicos pendentes de tradución.
No caso do Ulises existía aínda por riba unha débeda histórica coa Xeración Nós dende había oitenta anos. Os galegos moito rumbamos, feito discutíbel, de que o galego fose a primeira lingua peninsular á que se traduciu unha parte do Ulises, amosando dese xeito a afouteza, a modernidade e o carácter visionario dos membros desa xeración, feito indiscutíbel. O único que faltaba neste conto era a tradución do noventa e cinco por cento restante da novela. Finalmente fica saldada esta débeda histórica con esta contribución ao espallamento, á normalización e á dignidade da nosa lingua, un propósito que sen dúbida colleu pulo con este Premio nacional á obra mellor traducida en 2013.