Tribuna

Enrique Labarta Pose e a Real Academia Galega

Manuel Curros Enríquez foi un dos principais admiradores do talento de Enrique Labarta Pose (1863-1925). Nunha carta que lle enviou dende A Habana o 5 de febreiro de 1905 e publicada en La Acción, Curros preguntáballe pola súa actividade literaria, ao tempo que gababa o seu talento. Non era único nesa apreciación: logo de marchar de Galicia por motivos laborais a principios do século XX, Labarta Pose era agasallado pola intelectualidade do momento nos seus retornos á terra. Como anécdota, en 1917 a prensa faise eco dun banquete íntimo co que o recibiron varios dos seus amigos en Pontevedra, entre os que estaban Castelao, o exministro Portela Pérez, e outras figuras como Prudencio Landín, Perfecto Feijoo ou Javier Pintos (descendente de Juan Manuel Pintos).

Dese sentimento bebían tamén membros da Real Academia Galega da época, tal e como se pode comprobar no expediente que co seu nome se conserva nos arquivos da institución.

Así, o 17 de xullo de 1920 ten lugar unha xuntanza ordinaria do plenario da RAG na que se dá conta do falecemento de Ramón Armada Teijeiro, o cal incoa o natural proceso de nomeamento dun novo académico. O 20 de xullo de 1920, Eladio Rodríguez González, Francisco Tettamancy e Manuel Lugrís Freire asinan un escrito dirixido ao presidente da Academia, coa proposta de Labarta Pose para cubrir a vacante de académico de número que se producira polo falecemento. Era unha consecuencia do gran prestixio que gañara o enxeñoso creador da Costa da Morte, e que mantiña malia as súas longas migracións por España adiante.

Porén, o 2 de setembro de 1920, Andrés Martínez Salazar, Jaime Ozores de Prado (marqués de San Martiño de Ombreiro) e, novamente, Eladio Rodríguez González, asinan un escrito coa proposta de Ángel del Castillo para cubrir a vacante de académico de número que se producira polo falecemento de Ramón Armada Teijeiro.

Que pasou nese mes e medio para producirse tal xiro na proposta? 

Placa de de homenaxe a Labarta Pose no barrio de Gràcia

A resposta atopámola no reverso do mesmo documento asinado o 20 de xullo por Rodríguez González, Tettamancy e Lugrís Freire a favor de Labarta: unha nota manuscrita que di o seguinte: "Por ausencia definitiva fuera de Galicia del Sr. D. Enrique Labarta Pose, queda esta propuesta sin efecto. Coruña 11 de febrero de 1921. El Secretario Eladio Rodríguez González".

Para Labarta, daquela xa asentado en Cataluña, a distancia coa terra íalle pasando unha factura que se vería aínda máis en décadas vindeiras logo da súa morte. Non así en Cataluña, como o demostra a multitudinaria homenaxe que se fixo no coñecido barrio de Gràcia (Barcelona) en 1951, co gallo do 25 aniversario do seu pasamento. Unha placa colocada no lugar evoca a magnitude do acto.

O proceso pechouse o 12 febreiro de 1921, na xuntanza ordinaria do plenario na que se deu conta da proposta de Ángel del Castillo López para numerario na vacante producida polo falecemento de Ramón Armada Teijeiro.

NOTA: O autor agradécelle a Xosé Manuel Varela as referencias de prensa que se mencionan.

Jorge Mira Pérez
Académico correspondente