Lois Pereiro en 1987 en Praga. (Familia Pereiro)
A situación dos poemas en paisaxes urbanas do norte de Europa ou o apelo frecuente a referentes estéticos tirados da cultura popular, coma o rock ou o punk, converteron a obra de Lois Pereiro nunha das voces máis singulares e orixinais no panorama da lírica galega dos noventa.
Edinburgh Edinburgh
O tren fura paisaxes coma un piollo
nos cabelos escuros
de Escocia escurecida
mentres veñen as mans
do abrente alleo
abrindo as portas daquel día de setembro
cruzando o Mar do Norde cara ás illas
chegando a un Edinburgh en sombra estraña
baixándome do tren coa mente aberta
¿Onde se deita a noite en Edinburgh?
¿á esquerda do castelo de carbón diamante
cun sol negro?
Catro teenagers punks
xaspeaban mil cores metalizadas
co meu ollo animal cravado neles
"No future Ankarchy & destroy me"
because I love them since they´re like you
dura pedra escocesa que me garda
da hipnose contaxiosa das Highlands
empapando a alma en frío
cervexa calvinista whisky ateo
Cruel máxica dura
espectro dos meus soños agresivos
volverei por ser teu
na túa pel e na escuma do desexo.
Poemas 1981/1991 (Edicións Positivas, 1992)