Os académicos Henrique Monteagudo, Arcadio López Casanova e Rosario Álvarez con familiares de Filgueira Valverde
Tras a inauguración a cargo do coordinador da xornada e secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o académico de honra Arcadio López-Casanova pronunciou a conferencia inaugural, un retrato do homenaxeado desde os tempos de formación ata os de investigador e erudito, pero tamén creador de teatro, poesía e narrativa. Malia o carácter multidisciplinar da obra de Filgueira, salientou López-Casanova, a súa obra "respondeu a unha unidade de orde superior". "A unidade na súa obra vén dada polo desexo de servir á cultura de Galicia (…). E esa achega apaixonada a Galicia faise desde os supostos configuradores da causa galeguista", subliñou. O académico contextualizou a formación de Filgueira nos tempos da súa mocidade, os da Xeración do 22, e a importancia de Santiago de Compostela naquel momento de "deseño da Galicia ideal", no que participou sendo aínda moi novo na creación do Seminario de Estudos Galegos. "Para os homes de Nós e da súa xeración Compostela vaise converter no plano cultural no símbolo, no centro de revelación no que se manifestan os signos da identidade cultural de Galicia", engadiu.
Precursor dos estudos trobadorescos desde Galicia
A investigadora da Universidade da Coruña Leticia Eirín profundou de seguido no Filgueira Valverde precursor dos estudos trobadorescos desde Galicia, un campo no que se adentrou con apenas 20 anos de idade e ao que lle dedicou a súa tese de doutoramento, centrada na "Cantiga CIII" das Cantigas de Santa María de Afonso X. "Filgueira converteuse primeiro nun percursor no campo de estudo da poesía medieval galego-portuguesa e posteriormente nun dos seus grandes especialistas, tanto pola erudición como polo rigor que mostran os seus estudos canto pola cantidade de traballos realizados ao longo da súa dilatada vida", resumiu a profesora Eirín.
A sesión matinal concluíu cunha mesa redonda sobre a obra de creación do autor, moderada pola académica Rosario Álvarez e na que interviñeron Ana Acuña, Teresa López e Ramón Nicolás. A profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña abordou a produción narrativa no relatorio Cidades literarias (e polixenealóxicas) na narrativa de Xosé Filgueira Valverde. Ao revés do que acontece coa súa prosa de investigación, o corpus narrativo de"Son prosas escritas entre os 11 e os 19 anos, algunhas delas de interese para entender a novela e os contos éditos", apuntou Ana Acuña Filgueira é claramente abarcable. Acuña repasou os seus catro libros éditos, Os nenos, O Vigairo, Quintana viva e A monxa frade, mais tamén se referiu á narrativa que continúa inédita, incluída entre manuscritos do Arquivo Filgueira Valverde depositados no Museo de Pontevedra e que, suxeriu, xa amosa trazos de interese para analizar a súa obra posterior. "Trátase de prosas escritas entre 1917 e 1925, entre os 11 e os 19 anos, algunhas delas de interese para entender a novela e os contos éditos, e susceptibles de ser catalogadas como narrativa", expuxo.
Como xa indicara López-Casanova, Acuña lembrou que Santiago de Compostela e Pontevedra son dúas cidades ben presentes en toda a produción do autor. "As cidades na obra de Filgueira Valverde teñen factura polixenealóxica, pois a súa poesía, novela e ensaios son ventás a través das cales podemos albiscar as cidades. É dicir, en todos os xéneros cultivados por Xosé Filgueira Valverde están presentes dúas cidades, Santiago de Compostela e Pontevedra", concluíu.
Teresa López, profesora da Universidade da Coruña, puxo o foco no Filgueira Valverde poeta, unha faceta menor cuantitativamente no seu legado, e que tamén ten sido obxecto de menor atención por parte da crítica, "cando menos ata 2015". "A súa é unha poética moi vinculada aos seus intereses como investigador e historiador literario (…). O labor de erudito acabou conducíndoo á creación", salientou a investigadora en referencia ao estilo neotrobadoresco que cultivou inspirándose na lírica medieval galega. Os seus versos de Seis canciones de mar "in modo antico" foron así unha "actualización das cantigas de amigo, baseándose nas cantigas de santuario e romería", o xénero que Filgueira consideraba máis galego.
Correspondencia con Celso Emilio Ferreiro
O profesor e crítico literario Ramón Nicolás afondou na dimensión ensaística e divulgadora e recordou unha lembranza propia, a "presenza case doméstica" de Filgueira na súa adolescencia a través dos artigos que publicaba no Faro de Vigo, recollidos xunto a outras colaboracións dispersas ao longo de moitos anos nos nove volumes dos seus Adral. Alén deste perfil, o relator reivindicou o valor do epistolario de Filgueira Valverde e presentou no simposio a recuperación de tres cartas do polígrafo a Celso Emilio Ferreiro.
Retornado do seu exilio venezolano en 1977, o poeta Celso Emilio non dubidou en contactar epistolarmente con Filgueira Valverde "co obxectivo de mover os fíos precisos para estabilizar a precaria situación económica de Xosé Ramón Fernández-Oxea, que xa non tiña a quen acudir". "A resposta non se demora, como se explicita nestas cartas que traio aquí por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. O humus común no que alentaran Ferreiro e Filgueira nos tempos da República mantívose ao longo do tempo e ambos os dous converxen nos intentos de atopar unha solución diante dun caso que os preocupa e une por riba doutras diferenzas", analizou Ramón Nicolás. Filgueira sabía a quen debía acudir e finalmente concedéuselle unha pensión a Ben-Cho-Shey, como queda reflectido nunha das cartas, datada o 7 de xaneiro de 1978.
A sesión da tarde estivo dedicada á dimensión sociolingüística do labor de Filgueira Valverde. A académica Rosario Álvarez moderou a mesa redonda Filgueira Valverde e o idioma galego, na que interviñeron os tamén académicos Xesús Ferro Ruibal, Francisco Fernández Rei e Henrique Monteagudo. Ferro Ruibal centrouse no traballo de FilgueiraMáis de 280 das súas intervencións centráronse no proxecto de lei de educación. Nunha delas, Filgueira empregou os argumentos de Sarmiento no século XVIII para revindicar o dereito ao ensino na lingua materna, lembrou Ferro como procurador en Cortes, antes da Constitución democrática, posto desde o que defendeu en galego o inicio do ensino da lingua galega e instrumentos xurídicos para a reposición da toponimia galega no nomenclátor oficial. Ferro salientou o papel chave de Filgueira para que a Lei General de Educación, coñecida co nome do daquela ministro de Educación, Villar Palasí, abrise á porta á lingua galega no ensino. Naquela novena lexislatura, Filgueira tivo 287 intervencións, das cales máis de 280 se centraron neste proxecto de lei. Mención especial mereceu aquela na que Filgueira recorreu aos argumentos expresados dous séculos antes polo padre Sarmiento para revindicar o dereito ao ensino na lingua materna.
Malia a importancia desta lei para o idioma do país, pasou desapercibida na maioría da época da prensa. Pouco despois, a fenda que abriu aproveitaríase para facer realidade a creación do Instituto da Lingua Galega, lembrou no coloquio Rosario Álvarez.
Franciso Fernández Rei analizou pola súa banda o galego na obra de Filgueira partindo de dúas obras en prosa, Os nenos (1925) e O Vigairo (publicada en 1927 pero tamén de 1925), e a peza teatral Agromar. Farsa para rapaces (1936), na que emprega o galego e a castelán para reflectir a situación diglósica do momento. Segundo debullou, Filgueira usa solucións dialectais propias do seu galego pontevedrés, pero tamén "moderniza o seu galego con moitos arcaísmos léxicos", como eirexa, vegada ou leixar, usa latinismos como alba, préstamos do francés ou empréstitos portugueses, entre outros trazos.
Henrique Monteagudo pechou a mesa cun relatorio sobre Filgueira Valverde e o Seminario de Estudos Galegos, do que este formou parte desde a súa creación en outubro do ano 1923. Despois de tres lecturas en castelán, en marzo de 1924 Filgueira pronunciou a primeira conferencia en galego. Da importancia da que se lle outorgaba ao emprego do galego no Seminario dá unha idea o dato achegado polo propio Filgueira: do total de 84 traballos orixinais presentandos durante os cursos 1923-1926, 59 foran redactados en galego e 25 noutros idiomas, lembrou Monteagudo. A xornada rematou cun animado coloquio.
A Academia celebra todos os anos por estas datas un simpsio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, integrouse nun programa máis amplo no que tamén participaron outras tres institucións coas que Filgueira tivo unha estreita relación: o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié. O ciclo, que se desenvolveu entre Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña, foi clausurado o pasado 27 de novembro na Barrié.