Documentos notariais do século XVII

Fragmento dun documento notarial do século XVII.
Documento notarial sobre a venda dunha herdade en San Xulián de Astureses (Boborás)


Como é ben sabido os notarios son os encargados de dar fe pública dos contratos, dos testamentos e doutros actos extraxudiciais conforme ás leis.

A orixe do notariado remóntase ao século XII cando o renacemento do estudo do dereito unido á expansión do comercio e á reactivación da economía axudaron a consagrar a figura dunha persoa que puidese autorizar o valor legal e asegurar a autenticidade dos documentos onde se recollían os negocios e os diferentes actos xurídicos.

Cando en Galicia no século XIII o galego desprazou o latín da escrita literaria e administrativa, tamén, como non podía ser doutro xeito, se introduciu na redacción dos documentos notariais. Porén, a partir do século XIV esta situación comezou a mudar coa progresiva substitución do galego polo castelán na práctica escrituraria. Este cambio culminou a comezos do dezaseis coa definitiva imposición do castelán como único código utilizable na escrita.

Deste xeito, a documentación notarial galega desde o seiscentos pasou a estar redactada unicamente na lingua dos reis de Castela. No entanto, a lingua dos seus clientes seguía a ser o galego, e esta realidade lingüística non deixaba de se facer notar. Nos vellos protocolos notariais o galego agromaba aquí e acolá nos nomes de lugar, nos antropónimos, así como na aparición de palabras illadas, lembrando que o castelán en que se redactaban superpúñase ao galego falado polo pobo.

Presentamos aquí tres escrituras de compravenda da segunda metade do século XVII cando xa o castelán era a única lingua da escrita en Galicia.

A primeira trata da venda dunha herdade en San Xulián de Astureses (Boborás) outorgada por Juan da Gayosa a favor de Domingo da Gayosa. A segunda é a venda doutra herdade en Santa Mariña de Longoseiro (O Carballiño) outorgada por Juan da Gayosa e Antonio da Gayosa en favor de Domingo da Gayosa. Ambas as dúas están asinadas na parroquia de Santa Mariña de Longoseiro (O Carballiño) o 1 de maio de 1666 e o 15 de abril de 1679, respectivamente. A terceira é unha venda de castiñeiros que se atopaban na parroquia de Santiago de Corneda (O Irixo), outorgada por Andrés de Canbal a favor de Domingo Pinal, e asinada en Santiago de Corneda (O Irixo) o 17 de decembro de 1690.

A lingua empregada nas tres escrituras é o castelán aínda que o contorno lingüístico dos seus outorgantes era, sen dúbida, galego tal e como demostra a presenza nelas de diversos termos da nosa lingua. Esta presenza do galego nas compravendas advírtese en primeiro lugar na toponimia. Os nomes de lugar tenden a ser os máis resistentes ás substitucións lingüísticas. Neste caso temos topónimos tan galegos como Longoseiro, Fontao, A Enfesta, Cerdeiriñas, Godás, Vilameá, Corneda ou Laxe.

A maioría destes topónimos proceden do latín, como Fontao: dun fontanus, adxectivo de fons, a fonte latina; A Enfesta, derivada da palabra latina infestus, hostil, termo que adoitaba cualificar lanzas e outras armas, de onde sairía a acepción de "erguido, dereito", da que procede o topónimo; Vilameá, de villa mediana, cunha orixe similar á de Vilachá (de villa plana) e Vilasusá (de villa sursana).

No caso de Corneda, en troques, teriamos un topónimo de posible orixe prerromana, quizais da raíz indoeuropea *kor- (xirar, curvar). Sobresae tamén un fitotopónimo tan galego como Cerdeiriñas, derivado léxico da nosa cerdeira.

En relación coa toponimia temos que sinalar o caso dos antropónimos recollidos nestas compravendas. Ata o século IX as denominacións de persoa en Galicia cinguíanse a un único nome, pero de aí en diante chegou a ser necesario crear segundos nomes para identificar as persoas e evitar confusións. Tres foron os mecanismos empregados: indicar o nome do pai, usar un alcume ou ben referirse á procedencia xeográfica. Este último mecanismo é o máis empregado nestas escrituras, e así volvemos ao terreo da toponimia galega nos casos de Domingos, Antonio e Juan da Gayosa, Francisco da Enfesta e Francisco da Medela. Canto aos nomes propios, está o galego Mariña, conservado na advocación da parroquia de Longoseiro, que tería a súa orixe no adxectivo latino marina.

As medidas de capacidade e de superficie empregadas nas escrituras notariais de Galicia eran galegas practicamente en case todos os casos. Nas nosas compravendas emprégase o termo "tega", de valor variable segundo os lugares e que viña a equivaler a un ferrado. Esta palabra procede do árabe ta'lêqa, bulsa ou saco, que en portugués deu lugar a teiga e en castelán a talega.

Finalmente, a localización precisa das herdades nas escrituras públicas era un punto de suma importancia. De aí que os notarios tendesen a recoller as indicacións dos seus clientes co maior coidado posible, chegando a anotar as súas expresións galegas sen castelanizalas. Así, na primeira venda dise que a herdade, dunha "tega de sembradura" atópase" onde chaman "la nabeyra das Cerdeyriñas" e na terceira, de 1791, os carballos están "en la nabeyra do perto da Laxe".