Doazón do legado de José Ogea

Entre o valioso material doado, áchase un exemplar dedicado de A mi madre, de Rosalía de Castro, así como primeiras edicións dos nosos clásicos, e abondosas pezas hemerográficas e documentais.
Xesús Alonso Montero, Annunciata Rey, Fabio Alonso e Xosé Ramón Barreiro
Xesús Alonso Montero, Annunciata Rey, Fabio Alonso e Xosé Ramón Barreiro


No acto estiveron presentes Annunciata Rey Ruíz, o seu fillo, Fabio Alonso Rey; o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero e o membro numerario, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Escusou a súa presenza, por motivos de saúde, Enrique Rey Lorenzo, propietario do fondo doado.

En palabras do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, a doazón do legado de José Ogea constitúe "un capítulo moi importante na historia da conservación e transmisión do noso patrimonio cultural". Alonso Montero salientou especialmente unha das pezas recibidas, o primeiro volume dos cincuenta numerados do libro A mi madre, o longo poema elexíaco publicado por Rosalía en 1863 trala morte da súa nai, e que conta cunha dedicatoria manuscrita da autora a José Ogea. Alonso Montero destacou, así mesmo, o feito de que Jose Ogea fose un dos primeiros membros numerarios da Academia, e agradeceulle á familia Rey a súa importante doazón: "O noso patrimonio cultural debe estar, preferentemente, a disposición do público e dos estudosos depositado en institucións públicas como esta".

Dedicatoria de Rosalía de Castro a José Ogea
Dedicatoria de Rosalía de Castro a José Ogea


O membro numerario da Academia, Xosé Ramón Barreiro fixo na súa intervención unha introdución biográfica á figura de José Ogea (1841-1909), quen foi farmacéutico de Cortegada e militante de primeira hora do republicanismo federal liderado por Pi i Margall: "A súa militancia no partido político máis radical e revolucionario da época custoulle o exilio en Portugal en dúas ocasións, aínda que tamén viviu o seu breve momento de esplendor cando foi deputado en Cortes coa I República española". O historiador evocou tamén na súa intervención a estreita amizade que unía o farmacéutico ourensán con Manuel Murguía, alicerzada na común preocupación por Galicia e o seu desenvolvemento social e económico.

Pola súa parte, Annuciata Rey e Fabio Alonso Rey, descendentes do doador, Enrique Rey Lorenzo, expresaron a súa satisfacción ao ver finalmente depositado o legado de José Ogea, e aberto á disposición do público e dos estudosos, nunha institución como a Real Academia Galega coa que mantiña un especial vencello.

Foto de familia doazón José Ogea
Foto de familia tras a sinatura do acordo de doazón


Para ampliar esta información pódese consultar aquí.