Doazón do legado de Arjona

Natalia Gómez González fixo entrega á Academia da biblioteca e da documentación do seu marido, o intelectual e politico coruñés, Xosé Antón Arjona Santiago.
Natalia Gómez González, Méndez Ferrín e Axeitos Agrelo durante o acto
Natalia Gómez González, Méndez Ferrín e Axeitos Agrelo durante o acto


No evento, que tivo lugar no salón de actos da Academia, participaron Natalia Gómez González, viúva de Arjona; Méndez Ferrín, presidente da Academia e Axeitos Agrelo, secretario.

Segundo Méndez Ferrín, "Arjona foi unha das grandes figuras intelectuais e políticas da miña xeración, dos que nacemos na década de 1930, a xeración filla da Guerra Civil que se iniciou, políticamente, na loita contra o réxime de Franco". A continuación, o presidente da Academia destacou a sólida formación académica de Arjona, quen completou os seus estudios de socioloxía na London School of Economics e na Sorbona e dominaba, ademais, varias linguas. "Pero Arjona foi sobre todo un intelectual comprometido co seu país e co seu tempo. Sen a súa bagaxe sería impensable a fundación da Unión do Pobo Galego en Madrid, en 1963, xunto con Reimundo Patiño, Rufo Pérez, Celso Emilio Ferreiro e outros". Para Méndez Ferrín, "Arjona foi un home de moitos silencios e de traballo incansable, deixou escritos ensaios moi importantes en Grial e na Revista Galega de Economía que daquela dirixía Xosé Manuel Beiras". Para rematar, o Méndez Ferrín destacou a importancia da biblioteca doada á Academia, "a partir de agora o que queira ler en Galicia a edición crítica das obras completas de Marx e Engels en alemán e publicadas en Berlín, terá que pasar por aquí, e o mesmo acontecerá cos que queiran ler as obras completas de Lenin en ruso".

Natalia Gómez González confesou, nun emotivo discurso, a súa satisfacción ao acadar un destino para a biblioteca e os escritos do seu marido, "aquí quedan agora, para quen queira consultalos, todo o coñecemento, o traballo e o saber de Arjona".